Isto é insoportábel e faltan tres partidos, un martirio. Os números din que todo é posíbel aínda, pero os futbolistas están empeñados en amosar o contrario, polo menos polo que se ollou onte no Anxo Carro. Calquera pode decir que o Deportivo non mereceu perder este partido, pero eu tamén digo que fixo moi pouco para gañar. E perdeu outra vez perante un equipo que fuxe por saír do descenso, como antes xa fixera con outros adversarios en Riazor, onde o mesmo Lugo marchou cun empate sen goles. É verdade que os dous estaban necesitados de puntos, pero nestes casos a superioridade adoitase impór e o puntos adoitan caer do lado do equipo máis forte, que non foi o caso. A causa? Para min porque o Deportivo non foi quen de marcar o ritmo, de xogar como precisaba e de facer xogar ao adversario segundo lle conviña, nunca conseguiu marcar a pauta, nunca fixo que o Lugo correse detrás do balón, nunca fixo ocasións para gañar o partido. Xa sei, xa sei. Houbo un remate de Edu ao traveseiro; houbo un gol legal de Carlos Fernández que o xuíz decidiu anular; houbo un penalti de Vieira? Houbo certas oportunidades para marcar, pero tamén as tivo o Lugo. Sei tamén que o árbitro volveu prexudicar aos deportivistas, que un punto a estas alturas do conto pode ser definitivo, pero penso, por riba de todo, que un equipo como o Deportivo ten que facer moito máis para non ter que laiarse por xogadas ailladas. E xa non queda tempo. O tempo estase a esvair como a area se esvae dun puñado.