Agora todos iguais, ou case porque nestes partidos de promoción os empates globais resólvense a prol do equipo mellor clasificado „unha das poucas cousas que se fan ben neste fútbol„, e que os catro conxuntos teñen moitas opcións de acadar o billete cara Primeira, o único que falta. Agora, lume! Si, e ferro! Iso que teño algún amigo que está un pouco asustado porque o rival é o Málaga, o que non sabe é que por aló abaixo están moi inquedos por se ter enfrontar ao Deportivo. A razón non a sei. Seica os da Rosaleda están mellor que os coruñeses, pero... Si, pero... Será polo respecto que causa un equipo que tiña que ter ascendido directamente pero que fixo unha segunda volta nefasta na casa. Malia os números hai respecto. Bo sinal. É algo que seica recuperaron os xogadores branquiazuis despois deste remate de temporada no que volveron a gañar dous partidos consecutivos en Riazor e levan tres encontros consecutivos sen encaixar un gol. Bo dato. Claro que hai que ollar os partidos, pois no xogado perante o Mallorca os das Baleares tiverons ocasións para ter gañado, pero se toparon con Dani Giménez. Agás ese detalle de estudar os encontros polo miudo, os números dos coruñeses nestes tres encontros son os dun cadro que dá confianza e seguridade, tanta que pola Costa do Sol non están moi aló por se ter que enfrontar aos deportivistas nesta primeira rolda, como dixen antes. Agora toca matar ou morrer (deportivamente) porque o feito ata este momento ten unha mínima relevancia. O Deportivo sabe que ten que facer mellores números que os rivais. Sabe algo.