Juan Antonio Anquela será o adestrador do Deportivo porque así o decidiu o profesional que ten o Deportivo para contratar o adestrador e tamén os xogadores. Foi a resposta que din a quen me preguntou con certa preocupación "que currículo ten?", e insistiu, "porque nunca fixo grandes cousas". E ti?, onde adestraches, onde xogaches? Cuestionas ao pintor que contratas para pintar a túa casa? O mecánico o que lle levas o teu coche? O fontaneiro que che monta a casa? O médico que opera o teu pai do corazón? "Non, porque non entendo diso". Unha conversa típica. Natxo González estaba sentenciado antes de chegar; Gaizka Garitano tamén; iso si, cando o nomearon adestrador do Athletic xa mudaron certos comentarios. Aquí non serve ninguén. Lotina, quizais o mellor adestrador que vin aquí desde Arsenio e Toshack, é insultado. O propio Arsenio, hoxe ídolo de deportivismo e ese do que moitos lembraron nestes días iso de "... te la quitan de los fuciños", tivo que aturar de todo e mesmo marchar pola porta de atrás mentres Riazor festexaba o seu primeiro título oficial. Para min non é doado saber de todo, xa me chega co que tento saber. E iso que a un balón de nivea si lle apuntaba.?Tamén é certo que nunca cheguei a Segunda División; ni adestrei no fútbol profisional, do mesmo xeito que nin sei cambiar a batería dun coche nin o aceite, e que vou dicir de montar unha cociña... Sei de pouquiñas cousas, e non dabondo. Felizmente. Imaxino o que pode supór saber todo e de todo; aburrido porque non haberá moitos con quen estar, nin falar. Ser perfectamente perfecto... non é unha enfermidade? Prefiro ser como son, imperfecto.