Canta razón tiña Anquela o venres, cando dixo iso de que o Deportivo ten que bailar a música que poñen outros equipos. Quedou amosado onte en Huesca. Aínda que eu penso que o importante non é tanto quen poña a música e que música poña; para min o fundamental é como se baile e niso calquera ten algo ou moito que dicir, so hai que saber bailar. The sound of silence é un tema dos setenta orixinal de Simon and Garfunkel que ten unha version de Disturbed feita uns corenta anos despois. O mesmo tema, a música que marcan uns e otros, pero como se baila? Cada quen como sabe; se sabe. Pois no fútbol é o mesmo. Un marca o ritmo, pero o outro ten que ser quen de modifícalo e levalo onde lle compre. Iso é o que non soubo facer o Deportivo onte. Cousa da defensa? Non. Cousa do colectivo. E se o fútbol é tan grande, como adoitan dicir os profesionais é por mor da colectividade, xa que calquera equipo nun partido determinado pode facer moito dano a outro con individualidades superiores. Onte puido pasar, creo, cando Christian marcou porque o Huesca se desvaiu uns minutos, algo que o coruñeses non souberon aproveitar. Neses momentos, os locais tiraron dos veteranos para facer das súas, sobre todo dun que xa coñecemos por aquí e que onte non debería ter rematado o partido, como outras tantas veces, non si Luisinho? Mágoa de paliza, pero o mellor é que aínda é cedo. No fútbol sempre hai outra oportunidade. Iso din. Tampouco teño moi claro o de onte, porque durante todo o día so tiña una imaxe na cabeza: Montse. Nunca deixarás de estar en nós.