Como mudou o conto onte na segunda parte, polo menos no aspecto defensivo, cando o Deportivo non fixo ningunha concesión a un Racing que se sentía superior polo gol inicial de Yoda e pola protección do xuíz, que aceptou todos os convites que ofreceu Nuha, un futbolista antideportivo que só soubo tirarse a piscina para que o colexiado botase a algún deportivista, o clásico xogador que na Granxa ou en Elviña duraría cinco minutos no campo. Alén deste individuo, onte houbo outra volta de agasallos dos deportivistas na primeira metade e unha vontade de mandar na segunda. Neste segundo acto Dani Giménez non tivo traballo, pero tampouco Luca Zidane, non hai que esquecelo. Malia as gañas, os deportivistas marcaron un gol „por fin„ disparou Koné á escuadra, Longo errou só e Salva Ruiz ao lateral da portería. Xa é dabondo para amosar que o equipo non está morto, pero aínda lle falta moito para que camiñe. Foi un punto interesante, que quizais non sirva de moito na clasificación, pero si para que os futbolistas comproben que son quen de facer máis. Eu quedo co que fixeron en defensa, co que quixeron xogar nese segundo tempo, no que estiveron case todo o tempo no campo adversario. Canto máis lonxe estea o balón da portería propia máis difícil será encaixar un gol, porque, malia a todo, a única vez que os cántabros se achegaron cunha falta lateral os nervos deixáronse ver. E con iso hai que rematar, e xa sei que non é doado porque se con cada golpe vas ao chan, o normal é amosar moita inseguridade. O de onte foi un paso, pero quedan moitos.