Rematou a restra triunfal no partido que máis me gustou do Deportivo lonxe de Riazor. Foi un encontro con moita presenza branquiazul na área local, con opcións para marcar desde dentro e desde fóra; porén chegou a derrota despois de oito partidos consecutivos sen perder. E ademais con tres goles encaixados, van cinco en só dous encontros. Demasiados. Algo vai ter que mudar, algo terá que remexer Fernando Vázquez para devolver a solvencia defensiva que amosou o seu equipo durante as súas seis primeiras xornadas ao fronte do equipo. Sei que foron Zaragoza e Girona os últimos rivais, pero non abonda para xustificar encaixar cinco goles en dous encontros. E insisto en que onte o Deportivo a min gustoume. Outra cousa son os elementos, que seguen a ser adversos. Non se pode expulsar a un futbolista por accións nas que non hai nin falta, para min, sobre todo se ese futbolista non é nada conflitivo, nin tan sequera duro. Catro faltas fixo onte Gaku en todo o partido e saíu a cartón por cada dúas; Puado cometeu o mesmo número de infraccións, ningunha grave, e rematou o encontro sen ser amoestado. Ulo a equidade? E xa van moitos partidos así. Curioso. Resulta curioso tamén que o equipo comezou a perder certa fortaleza desde que Peru tivo que atrasar a súa posición por mor da doenza de Somma. Xa non é polo erro que tivo onte na xogada do terceiro tanto, é polo que aporta na medular. E non son eu dos que diga que cada futbolista ten que xogar no seu sitio, porque sitios nun equipo de fútbol hai moitos e hai que saber estar en case todos. O exemplo é Mollejo.