A xornada do pasado luns non se debeu xogar, en todo caso debería ser aprazada como aconteceu co partido do Deportivo co Fuenlabrada, porque de feito a Liga de Fútbol Profesional xa deixara días libres por se xurdía un problema deste tipo. Por iso non entendo por que só se aprazou o encontro do Deportivo, cando había outros clubes prexudicados, como pode ser o Elche. Foi unha decisión pouco afortunada, aínda que se se chega a producir o descenso do Deportivo é porque o equipo non foi regular en todo o ano, iso hai que telo moi claro e asumir os erros cometidos na planificación deportiva.

Se lle podemos dar un matiz a isto hai que recoñecer que o Deportivo saíu prexudicado por esta situación e que terá que recorrer onde sexa, aínda que outra cousa será que lle dean a razón, porque teño moitas dúbidas de que sexa así. A única solución que vexo é que se faga unha liga de 24 equipos, pero non vai ser fácil.

Recordo que cando foi o descenso administrativo do Celta e o Sevilla houbera manifestacións e ao final non descenderon, polo que neste caso supoño que se non queren prexudicar ao Deportivo e o Numancia farán esa liga de 24, que tampouco sería tan problemática. Pero non vexo a Tebas que estea moito polo labor, polo que terán que facer forza os clubes na asemblea da Liga de Fútbol Profesional poñendo a súas cartas enriba da mesa e admita que haxa esa competición de 24 equipos, porque o contrario sería un pau tremendo.