O de onte diante do Compostela foi un déjà vu, algo cuspidiño ao de sete días atrás cando a estrea da liga perante o Salamanca en Riazor. O Deportivo non amosou nada e mesmo chegou a ser inferior a un rival formado por grande parte que o ano pasado estaba en Terceira; un adversario que sofre diante do contacto, que sabe ter a pelota pero que o pasa peor cando ten que enfrontrarse a equipos aguerridos. Nen con esas foi quen o Deportivo de marcar. Como vai marcar se non tira? Foi o mesmo que diante do Salamanca, e xa van dous partidos. No primeiro gañou no tempo engadido, e onte case puido perder. A miña crenza é que todo o respecto que lle podan ter a este equipo, polo nome e polos futbolistas, desaparece con rapidez, porque non se impón nen tan sequera tenta machacar (futbolisticamente). A diferenza de cartos investidos polo Deportivo é tremenda se se olla aos rivais. Os cartos están no céspede, moitos cartos, pero non se nota. E tiña que influír desde que isto comezou. O conto é que xa voaron dous puntos, e menos mal que hai oito días o gol de Bóveda permitiu recuperar outros dous que estaban a piques de desaparecer. Esta competición non permite erros; neste grupo hai que gañar ou gañar, agás que o ascenso non sexa o obxectivo. Xa sei, xa sei! De momento hai dous líderes sorprendentes, o Zamora no grupo do Deportivo e o Langreo no grupo B. Ningún dos dous conta para estar entre os tres primeiros, pero xa levan seis puntos. E de momento só houbo un partido entre dous dos favoritos -o Racing-Pontevedra da primeira xornada- no que algún tiña que deixar de sumar, se non era os dous. E de momento, o Deportivo non se enfrontou máis que a un posible candidato, o Salamanca, e ademais a un recén ascendido. E xa perdeu dous puntos de seis. O camiño non semella ser o axeitado. As formas, menos.