Temos os galegos palabras e frases que nos definen e mesmo voume atrever a dicir que nos diferencian, e un destes termos que adoitamos empregar en situacións como a que nos toca vivir é contundente: sentidiño. Penso que cada un de nós o temos moi presente cada segundo da nosa vida e en cada faceta que desenvolvemos e nos atinxe directamente; outro conto é cando as consecuencias da falta dese sentidiño teñen un prezo que non pagamos. E non só falo de cartos, que goste ou non goste é o máis importante no eido deste fútbol desde hai moitos anos. Ou é que o Deportivo acadou todo iso do que nos gabamos sen cartos? Ou é que o Deportivo non funcionou ao “che debo” —outra frase nosa— durante eses anos de grandeza? As contas están aí segundo un xulgado. Os títulos, tamén. Sete anos de colleita e sete anos de seca. Está escrito. E cando alguén dá un paso para botar unha man na procura dunha solución, xurde unha especie de guerra civil. Perdemos o respecto con quen non pensa coma nós, como se houbera distintos carnés de deportivismo; algo que ollo que salienta quen perdeu dereitos con certos cambios. Iso si, agárrase a unha figura e esa figura é o inimigo do resto. Que a estas alturas do conto, con tanta débeda en 2014, xa pagada unha boa parte, e cos cartos xustos e distribuídos dun xeito criticábel, que a figura sexa o único responsábel, paréceme excesivo. Cobra, claro que cobra, porque é profesional, e chegou en dous momentos nos que o equipo acoraba, e segue. E co seu traballo o Deportivo está a cumprir os obxectivos aínda sen facer nada porque todo está por facer. Deixémonos de ollar cara o que nos interesa individualmente e ollemos o colectivo; e deixemos traballar a quen se chamou para facer un labor. Falar galego pode criar inimigos; dicir o que non é correcto para certo grupo, tamén; pero foi o elixido e volveu, como profesional e como deportivista. Eu admiro e respecto o seu labor, malia que non concorde en cousas con el, pero... sei eu máis de fútbol que el? E vós? O éxito de Fernando Vázquez será o éxito dos deportivistas, mesmo deses que poñen cambadelas por atrás. E sentidiño significa moitas cousas. Significa repectar e amosarse xeneroso. E non falar onde non se debe porque o que as veces esquecemos é que vivimos nunha aldea pequena onde todos nos coñecemos. Por iso digo, sentidiño. Cada quen que manteña as súas ideas; que amose o que pensa, pero sen atacar ao que di algo diferente. Os enfrontamentos, desde o meu entender en calquera faceta da vida, búscanos o que andan á procura de intereses particulares. Eu levo tempo aturando a xente que non concorda comigo; e levo tempo dicindo cousas a persoas que pensan de xeito diferente a min. Raro? Non. Somos seres sociábeis, nados para falar. Escoitarnos. E iso de escoitar é un pracer. Iso si, mentres falen e non ladren.