Lucas Quintas | Candidato polo BNG de Curtis

“En Curtis non hai oferta de vivenda e o plan xeral ten bastantes carencias de chan”

“Queremos relaxar a vida política, isto non é unha loita, estamos aquí para mellorar o pobo”

Lucas Quintas.   | // L.O.

Lucas Quintas. | // L.O. / A. P.

A. P.

Por que dá o paso?

Dou o paso porque son unha persoa moi preocupada polo pobo e podo botar unha man aos veciños. Son unha persoa á que sempre lle encantou dedicarse aos demais e creo que esta é unha gran oportunidade, sobre todo porque a miña formación académica enfocouse sobre todo á ciencia política [un grao en Ciencia Política e Administración pública e cursa agora un master en administración de empresas].

Cales son as principais carencias que detecta en Curtis?

Principalmente atopo unha falta de democracia desde o propio Concello e unha evidente falta de transparencia. É tan fácil de velo como visitando a web municipal onde as actas non se soben desde abril do ano pasado e as últimas contas anuais son as de 2021. É unha situación totalmente anómala.

E que servizos bota en falta?

Moitos. Nesta última lexislatura houbo uns claros problemas no PAC de Teixeiro, que atende tamén a Sobrado, Aranga e Vilasantar, a preto de 8.000 habitantes, e só ten un equipo médico e iso que o Concello acolle o centro penal de Teixeiro, que debería contar con seis sanitarios e só conta con un e outro a tempo parcial. Cando hai unha emerxencia e non hai médicos aí teñen que ir os do PAC e, tristemente, xa se deu a situación de que chegue alguén dalgún municipio limítrofe cun infarto e non haxa ninguén no PAC. Doutra banda, temos un grave problema co transporte escolar, porque a xente que estuda cursos non obrigatorios como ciclos ou Bacharelato non tivo acceso ao transporte escolar e tivo que ir en taxis. Hai unhas evidentes carencias. Tamén nos colexios, que teñen falta de profesorado para nenos con necesidades especiais. É certo que non é todo responsabilidade do Concello, tamén da Xunta, pero o Concello pode presionar moito máis.

O polígono de Teixeiro despega e o concello crece. Que medidas propón para fixar poboación?

Está claro que o polígono creceu e atrae moita man de obra, tanto para a construción como para traballar, o problema é que non hai oferta de vivenda, é unha demanda que nos está trasladando a cidadanía. Os prezos son moi altos porque a xente non quere alugar a curto prazo e non hai oferta de vivenda. O plan xeral ten bastantes carencias de chan urbanístico e non se está podendo construír nova vivenda. É certo que creceu ao redor de cen habitantes neste mandato, pero pode crecer moito máis se se facilita a conciliciación. Nós propoñemos ampliar a escola infantil de Teixeiro e crear unha nova no núcleo de Curtis.

Que sería o primeiro que faría de acadar a alcaldía?

O primeiro sería botarlle unha man á oposición, este mandato houbo certo relaxamento pero ata o de agora foron relacións moi tensas e o talante pola nosa banda non foi o que fixo que houbese esa tensión. Queremos relaxar a vida política, isto non é unha loita, estamos aquí para mellorar o pobo. E despois, queremos revisar todos os convenios anuais coas asociacións porque hai algunhas que piden recursos e non se lles dan e outras que non os piden e dánselles. É unha situación anómala que queremos solucionar. Queremos uns convenios para todos e renovar os que están anticuados.