DeseñaPeme, un gran salto de calidade para a imaxe de marca

» Saúl Rivas, coordinador de Comunicación da produtora coruñesa Ainé: “O programa da Xunta ofreceunos recursos e contactos. Chegamos mellor ao público e o feedback é moi bo”

Nova imaxe da produtora de espectáculos coruñesa Ainé no marco de DeseñaPeme.

Nova imaxe da produtora de espectáculos coruñesa Ainé no marco de DeseñaPeme. / Cedida

B.C

O vindeiro luns, 14 de agosto, rematará o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria simultánea dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme da Xunta de Galicia, dirixidos a impulsar a innovación nas pequenas e medianas empresas galegas e dotados cun orzamento de 4,5 millóns de euros.

Dous programas cos que o executivo galego pretende dar resposta ás necesidades das pemes con dous piares de traballo principais. Así, a través de DeseñaPeme quérese incidir na innovación en produto, servizo e experiencias, ademais de marca e identidade; mentres que InnovaPeme céntrase na innovación en procesos e organización.

Ambos os dous programas aspiran a financiar 60 plans de deseño e innovación nas pemes cunha mobilización de 9 millóns de euros nesta nova convocatoria. O orzamento subvencionable deberá estar entre os 50.000 e os 150.000 euros por cada plan, de xeito que unha mesma peme que se presente ás dúas convocatorias poderá investir ata 300.000 euros. As axudas terán unha intensidade do 50% e outorgaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

Saúl Rivas

Saúl Rivas, coordinador de Comunicación de Ainé. / Cedida

Entre 25.000 e 75.000 euros

As axudas, de hasta 75.000 euros por programa, poderán solicitarse na web do GAIN ata o vindeiro luns, 14 de agosto

Con axudas de entre 25.000€ e 75.000 euros por programa, que se poden solicitar a través da páxina web da Axencia Galega da Innovación (GAIN) ata o 14 de agosto, esta nova convocatoria representa unha gran oportunidade para que as pemes galegas poidan seguir sumando en innovación e deseño, cun salto de calidade indubidable no seu modelo de negocio. 

“A participación en DeseñaPeme permitiunos obter financiamento para adicar recursos ao redeseño da imaxe de marca da empresa e, ao mesmo tempo, púxonos en contacto con este sector a través de seminarios e reunións”, explica Saúl Rivas, coordinador de Comunicación da produtora de espectáculos coruñesa Ainé, entre as beneficiarias da convocatoria anterior. 

E é que sabe ben Rivas que, malia que poda soar contraditorio, a imaxe vai moito máis alá do que se ve: “Non só cambiou o noso deseño, senón tamén a nosa forma de traballar. Este programa permitiunos chegar máis e sobre todo mellor ao público. Os beneficios son moitos”.  

En concreto, a participación de Ainé no programa DeseñaPeme da Xunta permitiu á produtora implementar un plan integral de redeseño así como un conxunto de guías e mecanismos para identificar a súa imaxe de marca

Unha aposta que lle permitiu consolidar a súa presenza como produtora de contidos escénicos de calidade, aumentar o valor de cada un dos proxectos e reforzar a imaxe das producións para chegar a un maior número de persoas e mellorar a competividade:“Como empresa da Cultura, agradecemos especialmente a participación no programa. Todo o que sexa modernizar nun sentido amplo a industria en Galicia é positivo e, desde logo, moi beneficioso para nós”, conta Rivas, que engade:“Supuxo un salto de calidade en todas as áreas da empresa e estanos permitindo chegar máis e mellor ao publico. O feedback que estamos recibindo é moi bo”.

[object Object]

A convocatoria en marcha dos programas DeseñaPeme e InnovaPeme da Xunta de Galicia presentan este ano como novidade a inclusión, como posibles beneficiarias, das entidades do terceiro sector social sen ánimo de lucro, así como das empresas TIC -que estaban excluídas nas edicións anteriores. 

Tamén se inclúen os custos indirectos como financiables por primeira vez e incorpórase como requisito a presentación de diversas actividades de difusión para chegar mellor á sociedade e servir de exemplo para outras pemes.

Os obxectivos destes programas, cuxo plazo de presentación de solicitudes aínda está aberto e rematará o vindeiro luns, 14 de agosto, son promover unha cultura de innovación continua e sistemática nas pemes galegas, incrementar o número de empresas que teñen a consideración de innovadoras, aumentar a súa competitividade, potenciar a colaboración das pequenas e medianas compañías co resto de axentes do ecosistema, favorecer a comercialización de resultados da I+D+i, incluír paulatinamente a innovación de procesos e organización no tecido empresarial galego e aumentar o seu gasto en I+D e actividades innovadoras. Desde a súa posta en marcha, estes programas permitiron impulsar 246 actuacións cun investimento público-privado próximo aos 40 millóns de euros.

Estas convocatorias enmárcanse na aposta da Xunta de Galicia por achegar a innovación a todo o tecido empresarial e vense completadas con outras liñas como os Bonos de innovación, para actuacións a curto prazo e dun menor importe; o programa ReAcciona; a aceleradora de internacionalización para proxectos innovadores Galicia Avanza; o traballo das distintas business factories ou a iniciativa Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade.