Desde Lalín, sen nada que envexar a Peppa Pig

» Leire amosa a súa creatividade co traballo “Desde o Quilómetro cero, onde non falta nin un só detalle”

Desde Lalín, sen nada que envexar a Peppa Pig

Desde Lalín, sen nada que envexar a Peppa Pig

M.B

“O Camiño coma ferramenta educativa permite que os alumnos e alumnas traballen os diferentes contidos ao mesmo tempo que aprenden das cousas que lles son próximas, da súa comunidade”. 

Deste xeito resume Isabel Failde, titora de Primaria no Colexio Scentia, “un tema transversal” que o curso pasado ofreceu ao centro a posibilidade “achegarse a saúde e ao deporte na materia Educación Física, á alimentación saudable e típica Atlántica na de Naturais: ao cocido, á verdura, ao polbo…; aos pobos e ás aldeas galegas na de Sociais: aos nomes de cada municipio, ás casas de pedra, aos hórreos, aos ríos…”

Un tema “moi interesante” para os docentes, e tamén para ao alumnado, ao que, cóntanos Failde, motivou moito ao longo do curso pasado a medida que ían avanzando nas diferentes actividades.  

Tamén a través do debuxo, unha disciplina que a miúdo entusiasma aos máis pequenos e que, nesta ocasión, a mestra de plástica do centro María J. Isla Gil propuxo de forma libre co obxectivo de que os nenos e as nenas da clase que así o quixesen puidesen fomentar e experimentar coa súa creatividade. 

Sorprendeu, entre todas as presentadas, a proposta de Leire Rey Vilariño, gañadora na Categoría de Debuxo para 1º e 2º de Primaria do certame Escola en Camiño. 

Unha ferramenta transversal

Na súa obra e baixo un espléndido sol, unha ‘cerdiña’ rosa moi lalinense, e que nada ten que envexar a ‘Peppa Pig’, achégase á Catedral de Santiago na obra ‘Desde o quilómetro cero’, na que non falta de nada: están as características sinais azuis e amarelas do Camiño, está o caxato do peregrino e, mesmo na mochila da protagonista, vemos o que sempre hai que pór en todo o que fagamos: o corazón. 

“Leire é unha nena super creativa e encántalle debuxar”, dinos a súa mestra e abofé que non lle falta razón!