Os segredos que agocha o ‘Campo de estrelas’

 » Das lendas sobre as orixes de Compostela á visión máis moderna do Camiño, en debuxos

Os segredos que agocha o ‘Campo de estrelas’

Os segredos que agocha o ‘Campo de estrelas’

M.B

Conta a lenda que, para evitar que os ladróns espoliasen as reliquias da tumba do Apóstolo Santiago, decidiron enterralo nun lugar segredo, pero, ao chegar noite, o campo no que estaba a cripta iluminábase coma un campo de estrelas, do latín Campus estelae e, de aí, o nome e apelido da nosa capital: Santiago de Compostela. 

Esta é só unha das incribles historias sobre o Camiño coas que Santiago Penas Castro, titor de Primaria do CEIP Plurilingüe de Rubiáns, deixou abraiado ao seu alumnado: “É un tema que está de moda e eu penso que vai seguir así moito tempo, é moi interesante tratalo na clase, chámalles a atención”. 

Deste xeito e tras coñecer a historia do Camiño e a chegada dos restos do Apóstolo a Santiago, ademais de datos tan curiosos como que moitas das nosas estradas actuais están baseadas nas antigas rutas xacobeas; a conversación foi derivando ata chegar á visión máis moderna da peregrinaxe actual a Santiago, unha cidade que, hoxe en día, atrae a persoas de todo o mundo alén da súa relixión. 

Deste xeito, na clase falaron do Camiño como esa experiencia que nos permite viaxar con nada máis que cunha mochila e darnos de conta do pouco que precisamos para ser felices na vida, como unha unión de culturas e como unha oportunidade única para coñecer novos amigos, segundo nos describe Santiago Penas Castro, que cre que, desa reflexión, xurdiu precisamente o debuxo “O bo camiño” co que Silvia Ioana Varela venceu na súa categoría para 1º e 2º de Primaria do certame Escola en Camiño. 

Agora, e tras recoller o premio, os alumnos e alumnas da clase están encantados, pois por fin van poder ir de excursión a Santiago de Compostela e coñecer de preto o resto de segredos que agocha, baixo o seu nome e tamén baixo as súas pedras, aquel lugar que algún día foi un campo de estrelas.