Zoe e Sabela, as mellores exploradoras de todos os tempos

» As alumnas de 5º de EP do CEIP Caldelas son unhas escritoras natas! Deixáronnos sen fala coas súas zarapelas e peregrinas aventuras vividas con pluma, papel e moito enxeño 

Zoe e Sabela, as mellores exploradoras de todos os tempos

Zoe e Sabela, as mellores exploradoras de todos os tempos

M.B

Cantos xiros inesperados, cantas aprendizaxes e canto enxeño e habilidade para integrar os actos e as sensacións da vida cotiá nunha aventura sen precedentes!

Abofé que Zoe e Sabela, alumnas de 5º de Educación Primaria do CEIP Caldelas, son dúas escritoras natas. Como boas habitantes de Tui — parada imprescindibles do Camiño Portugués—, coñecen ben as bondades que agochan entre os seus routeiros as vías xacobeas e non dubidaron en amosalo nos seus relatos ‘A viaxe de Zoe’ e ‘A Ruta de Sabela’, respectivamente. 

Dúas historias nas que non faltou de nada e coas que lograron conquistar os corazóns do xurado da II Edición de Escola en Camiño, e seren galardoadas na categoría de Premios Literarios do certame. Non merecían menos! 

Na busca do irmán perdido

Malia que recoñece que aínda é pequena, a Zoe nada lle vai impedir chegar a ser “a mellor exploradora de todos os tempos”. Deste xeito, e a través da súa pluma, inicia un dos mellores percorridos que existen, eses que comezan sempre a partires de páxinas en branco, para imaxinar unha historia que lle “cambiará a vida”.

Resulta que a súa nai quere que acompañe ao seu irmán de 16 anos a facer o Camiño de Santiago!“— ‘Pero mamá’, dixen eu, ‘se só teño 12 anos’; —’Xa, pero ti es moito máis madura’, afirmou miña nai”. 

E claro, que lle ía facer, alá foi tras o seu irmán Mario durante semanas de ficción escrita nas que puido coñecer lendas do Camiño, achegarse ao vestiario típico dos peregrinos e mesmo valorar todas as rutas xacobeas existentes. Ao fin, por fin foi quen de atopar ao seu irmán nun hostal e, xuntos, coa súa nai, ver unha peli do Camiño de Santiago. Un bo final para unha gran historia!

‘Grazas mamá, es a mellor!’

A Sabela, pola súa banda, non lle quedou outra que ir ao dentista. A boa noticia era que despois podería tomarse un xeado e máis facer o Camiño cos seus pais Amelia e Esteban. Sabela estaba “emocionada, impaciente, alegre, feliz;en resumo: xenial!!” ata que… descubriu que para facer o Camiño había que andar e nada máis e nada menos que durante catro días enteiros! A cousa aínda foi a peor cando, inda por riba, tivo que comer peixe. Pero todo mellorou cando ela e máis os seus pais fixeron unha parada en Vigo: “— ‘Por que facemos unha parada?’ — ‘¡Para mercar xeado!’, di miña nai — ‘Grazas mamá, es a mellor’!”. 

Familia, anécdotas, aventuras; gañas de chegar e a recompensa ao esforzo compartido… Que pode representar máis o Camiño que todo isto? Poucas historias recollen tan ben o espírito das nosas rutas Xacobeas que as zarapelas aventuras que Zoe e Sabela nos brindan xa convertidas en todas unhas expertas peregrinas. 

Manuel González Rodríguez» director do ceip caldelas

[object Object]

“Todo o que sexa incentivar as nosas tradicións, a cultura galega, é moi enriquecedor para o alumnado”, responde o director do CEIP Caldelas Manuel González sobre Escola en Camiño, que se serve do Camiño de Santiago como inspiración para desenvolver as distintas habilidades dos nenos e nenas e que, na súa opinión, supón “un medio ideal para difundir a nosa cultura”. 

En concreto, foi na escrita onde destacou o CEIP Caldelas e é que “claro que é moi importante estar preparados para ler e entender todo tipo de textos”, di o director. 

Notouse ben durante a entrega de premios desta semana, onde, confésanos González, gozaron moito e, sobre todo, foron “ilusionadísimos co premio, e tamén orgullosos polo traballo ben feito”: “Nos recalcámoslles sempre que os premios non son o máis importante, pero para eles ir facer unha visita guiada a Santiago foi unha gran fonte de motivación, non paraban de preguntar cando ían ir polo premio; pero ao mesmo tempo son nenos traballadores, cos pés na terra”.