Celso García de la Riega Álvarez, o militante de maior idade do PSdeG, cumprirá 93 años en

outono. Afiliouse ao Partido Socialista con 20 anos, en plena Guerra Civil. Pasou a infancia no Pazo de Baión. Foi compañeiro de fatigas do escritor e xornalista Borobó, con quen loitou na guerra e considera un irmán. Nesta entrevista, García de la Riega relata

unha vida de derrotas pero tamén de delicias e de felicidades íntimas.

-Que significado ten para vostede a traxectoria do PSOE?

-Perdemos, e vivimos un inferno de fatigas e situacións difíciles, pero tiven o desquite da Guerra Civil cando no 82 gañamos as eleccións. Isto foi como gañar a guerra, despois de tanta persecución e tanto sufrimento.

-Recordará aquela noite de outubro con González e Guerra no balcón: 10 millóns de votos...

-Aquela noite foi innarrable. Tanta era a ansiedade de cambio, de volver a unha situación democrática e de liberdade, de que gañase o Partido Socialista, que iso para min foi indescriptible.

-Emocionouse ao coñecer os resultados electorais?

-Non chorei pero emocioneime. Foi unha ledicia.

-Vostede perdoou?

-Non, non perdoei, e esquecín menos aínda, non podo. Sufrín moito despois da guerra.

-Viaxemos un pouco atrás. Vostede nace co inicio da I Guerra Mundial e dous anos antes da vitoria da Revolución Comunista, nun periodo moi determinado, pero a súa procedencia non é de familia obreira, senón máis ben burguesa.

-Si, intelectual, progresista, liberal, e republicana. O meu avó foi deputado liberal, xa era rojo (risas). Foi un precursor da tese do Colón Galego, Colón chamábase Celso, como o meu avó, meu pai, como eu e como un fillo que teño.

-Por que se perdeu a guerra?

-Perdeuse porque non tivemos axuda. E os franquistas tiveron unha axuda inmensa.

-Ata que punto influíron as diferenzas internas entre anarquistas, comunistas?

-Había diferenzas políticas, pero o obxectivo era gañar. Pero era imposible. Tivemos unha operación preciosa, a de Brunete, logo de Teruel, e tras iso faltounos material, había uns cantos aliados ao principio, pero despois non había forma de repoñer o que se perdía.

-Logo da guerra, como refai a súa vida?

-Eu chego a Pontevedra no ano 40, prohíbenme estudar e prohíbenme de todo. Tiven que facer o servizo militar obrigatoriamente. Foi para min, peor que a guerra e o cárcere. Foi unha persecución, sacáronme o permiso para durmir en casa, atacábanme por todo.

-En ningún momento se lle pasou pola cabeza deixar España e exiliarse?

-Si e non. Non había posibilidade porque ademais eu, logo de cumprir o servizo militar ingresei na Deputación, non oficialmente, senón para facer un servizo concreto e expulsáronme.

-Por?

-Por rojo. E no Concello ingresei ao cabo duns meses e tamén me expulsaron. Ingresaba por recomendacións de familia pero o Ministerio da Gobernación de Madrid ordenaba que eu saíse de alí inmediatamente. Porque eu non cambiara as miñas ideas.