Luís Villares recoñece ter "ilusión" de recuncar como voceiro de En Marea logo do proceso para renovar a dirección da forza que lidera a oposición galega, pero reclama aos críticos co rumbo actual que limiten as súas queixas ao ámbito interno sen expoñelas publicamente. Cre que iso os alonxa dos votantes. "Como cidadán, se En Marea me vale para solucionar os meus problemas, ben; se non, ao lixo", zanxa. Villares Hoxe a dirección da chamada unidade popular anuncia a data do Consello das Mareas que nuns días decidirá cando se celebra o plenario.

-Como afronta este novo proceso interno?

-Temos un proceso estatutario bastante ríxido cos plazos e temos plenarios cada seis meses, así que non hai moita marxe para movelos. Con esa marxe xogaremos e será o Consello quen decida axustándose aos estatutos. Dentro diso, estamos abertos a falar.

-Vai tender pontes co sector crítico nucleado agora na chamada "mesa pola confluencia", que integran Compostela Aberta, Anova, EU, Marea Atlántica, Ferrol en Común e Podemos, que pide máis pluralidade e dá por amortizado o mandato da dirección? Hai uns días dicía vostede que a xente cansa deste cruce de críticas internas.

-Como cidadán sempre me daba moita rabia que a xente na que confiaras despois se criticasen enter eles publicamente. Entendo a crítica pública se non hai lugar a nivel interno, pero habéndoo todas as achegas deben de reconducirse aí. Á cidadanía non lle interesa esta cuestión, senón a mensaxe de que podemos formar una alternativa ilusionante e seria.

-Desde a creación de En Marea cre que se transmitíu a cidadanía a imaxe dun proxecto serio e compacto?

-Aglutinar nun proxecto sensibilidades diferentes leva o seu tempo. Estamos facéndoo razonablemente ben dentro do pouco tempo que levamos. E a xente así nos avalou coa confianza electoral. Hai unha idea básica: poñernos dacordo no que lle interesa á xente, no que de verdade importa. Niso estamos sendo exitosos. Non vexo nin una diferenza sustancial entre os que estamos xuntos que xustificase andar por separado ou cuestionándoos uns aos outros.

-Pero non houbo achegamentos entre a súa dirección e os críticos, ademais de misturarse nese conflito feridas persoais pasadas. Que pode facer para reconducilo?

-Aportar una visión cidadá. Non me importan nada as feridas pasadas, importa o futuro. Dígoo como cidadá: se En Marea me vale para solucionar os meus problemas, ben; se non, ao lixo (sorrí). Iso é o que di a xente. Temos espazos para arreglar problemas? Agora si, antes non. Arranxémolos.

-Que lle interesa á xente?

-Acaba de morrer unha persoa no PAC da Estrada por falta de médico. É dramático. En Galicia está a morrer xente nos hospitais por falta de médicos. É así.

-Iso lembra á frase de Beiras de que os recortes matan máis co terrorismo.

-Claro. Cinco anos despois vemos dous directivos do Sergas investigados por homicidio imprudente, por deixar morrer a xente cando había medicamentos nas farmacias. E agora estamos falando dunha persoa que morre por falta de médico. E quen é o responsable dos recortes? Núñez Feijóo.

-É culpable desa morte?

-É complice por non dispor os medios para que no pase. E Feijóo non deu explicacións porque é o responsable político. E tamén sufrimos unha carencia severa de servizos de pediatría. Ten que haber unha desgraza para cambialo?

-Os choques internos en En Marea poden botar para atrás a potenciais votantes nas vindeiras eleccións?

-A xente quere votar unha opción como a nosa e laméntanse de que non nos preocupemos máis deles. Por iso a miña misión é tratar de reconducir calquera achega interna e deixar o espazo público para as propostas.

-Optará a renovar a súa portavocía?

-Farei o que a organización me pida. Se son útil na voceiría, na voceiría.

-Quere facelo?

Teño ilusión e ánimo para seguir.

-Vai ser candidato á Xunta nas autonómicas de 2020?

-Decidirano os inscritos (ri).

-Cre que o será Feijóo?

-Gustaríame. Gustaríame que a ciudadanía puidese derrotalo nas urnas. Alegreime cando tivo que renunciar á carreira sucesoria seguramente pola chantaxe de Soraya [Sáenz de Santamaría] porque é bo para os galegos poder derrotalo democraticamente. Deséxolle a mesma fin que a Fraga.