O Partido Popular leva demasiados anos con políticas erradas no ámbito forestal. Temos en Galicia un monte sen planificar, no que se pode atopar unha ampla zona de monocultivo ao servizo dun oligopolio, outra zona nun abandono total e unha zona central sometida á conflitividade e á inseguridade xerada polo propio PP dende o Goberno galego.

O valor do sector da madeira en Galicia foi en declive a pesar do aumento da superficie forestal, cunha contribución ao PIB e ao emprego xerado inferior á que tiñamos na última década do século pasado. A industria local e comarcal foi desaparecendo e carecemos dun sector industrial que transforme dita madeira e deixe maior beneficio na nosa terra.

Hai un mes, o Goberno galego levou ao Parlamento un novo plan forestal. Presentou un documento sen diagnose, como se un médico pretendese curar a un paciente sen saber de que padece; sen contar co sector e sen articular un modelo de monte logo de ser incapaz de desenvolver nin un só plan de ordenación para ningún dos distritos forestais de Galicia.

O mesmo día que se debatía o plan no Parlamento, a Consellería de Medio Rural pasou de planificar o aumento do eucalipto nun 3% para o quinquenio 2021-2025 a anunciar unha suspensión temporal de novas plantacións desta especie, alí onde non fora plantada ata ese momento. Tentaban xustificar o novo cambio de rumbo falando dunha aposta pola diversificación do monte, para frear o impacto desta especie e deter a caída constante e continua do prezo do metro cúbico da madeira procedente desta árbore. Dita suspensión anunciouse “en diferido”, sen data concreta de aplicación, establecéndose como data inicial a aprobación da Lei de recuperación de terra agraria, aínda en proceso parlamentario.

Nesa mesma data publicouse a orde de modelos selvícolas e de xestión forestal, aos que teñen que adhe-rirse quenes desexen un aproveitamento madeireiro de carácter comercial cando teñan terreos de 15 ou menos hectáreas de superficie. Nesta orde elimínanse os vetos para a plantación de eucalipto na zona interior de Lugo, pero establécense distritos preferentes para estes modelos e para o nitens non está ese territorio, e polo tanto só poderán plantalo sempre e cando sexa aprobado polos técnicos da admnistración.

Non sabemos exactamente cando entrará en vigor a anunciada suspensión de novas superficies de eucalipto, nunha Galicia que segundo algunhas afirmacións podería ter ata 600.000 hectáreas de eucalipto, invadindo terreo agrario e cunha presencia desequilibrada no noso territorio.

Dende hai un mes aproximadamente, cando tivo lugar dito anuncio, son numerosas as chamadas de múltiples veciños e representantes municipais para informarnos de que os viveiros de Galicia teñen agotadas as plantas de eucalipto e de que se están a facer curtas indiscriminadas de pino e outras especies por todo o noso territorio para plantar eucalipto antes de que comece a suspensión.

Esta situación está a incidir de xeito lamentable no mercado da madeira, cunha indefendible intervención en dito mercado por parte dun goberno que se di liberal e que está a tirar polo chan o precio da madeira de pino nun momento de crise como o actual.

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal debe tomar medidas para non seguir incidindo negativamente nos intereses dos propietarios da madeira e que non se leve a cabo unha plantación masiva de eucalipto sen control.

Poderemos ver un pouco de seriedade e rigor nas decisións dunha consellería máis preocupada pola publicidade que polo futuro do noso sector primario? Estaremos atentos…