Pedro Sánchez recuperou o liderado do PSOE despois dunhas duras primarias nas que denunciou publicamente o intento de certos poderes para impedir que no 2016 tivéramos un goberno de esquerdas alternativo ao PP de Mariano Rajoy. Despois de recuperar o temón do proxecto socialista, pilotou unha moción de censura a unha dereita sentenciada xudicialmente por corrupta e gañou as eleccións cun compromiso claro de dirixir este país con políticas progresistas.

Agora, a pesar dos cambios estruturais que está a levar a cabo o goberno progresista nun sistema aprobado polo PP ao gusto das empresas eléctricas, cunha aposta clara pola enerxía renovable —que, segundo moitos medios especializados, fará que nos vindeiros anos o custe da electricidade no mercado maiorista español sexa inferior ao de países da nosa contorna—, atopámonos cunha situación internacional que dispara o prezo do gas natural e do CO2 e que fai que o prezo da electricidade no mercado aumente sen control en toda Europa, con prezos que supoñen un 30% da tarifa eléctrica e sobre os que o goberno de España non pode actuar.

Ante esta situación, o goberno progresista actúa nas outras dúas partes da tarifa eléctrica nas que pode facelo. Por unha banda, na parte impositiva, cunha rebaixa histórica nunca vista nos impostos que gravan a electricidade, eliminando o imposto á xeración eléctrica do 7%, baixando o IVE do 21 ao 10% e reducindo o imposto especial da electricidade do 5,1 ao 0,5%, o mínimo permitido pola UE. Unha rebaixa, en definitiva, que vai amortiguar a suba dos prezos de mercado.

E, por outra banda, o goberno está actuando sobre os custos do sistema con distintas medidas lexislativas. A futura lei do fondo nacional de sostenibilidade do sistema eléctrico busca distribuír as primas de coxeneración, residuos e renovables cara a combustibles que non contribúen a loitar contra o cambio climático; e a vindeira lei de minoración de CO2 redistribuirá entre os usuarios os beneficios por cobrar a electricidade xerada por centrais que non emiten CO2 a prezo dunha tecnoloxía afectada polo custes do CO2, un sistema creado polo goberno do PP que fai que as eléctricas presenten uns beneficios anuais indecentes mentres a cidadanía afoga cunhas facturas demasiado elevadas. Ambas normativas poderán supoñer un abaratamento da factura do entorno do 15%.

Ao mesmo tempo, o goberno actúa para abaratar a tarifa e segue apostando por unha enerxía limpa e respectuosa co medio ambiente, para renovar o escudo social para que ningunha familia quede sen subministro eléctrico (bono social eléctrico, bono térmico, prohibición do corte de subministracións ou a conxelación dos prezos máximos da bombona de butano e da tarifa de último recurso de gas natural) e acaba de anunciar que os beneficios extraordinarios que teñen as empresas enerxéticas cara os consumidores, limitando tamén o prezo do gas, minorando temporalmente o exceso de retribución que obteñen as centrais de xeración eléctrica non emisoras grazas a repercusión duns custes de gas que non soportan.

Fronte a isto, a resposta ameazante das eléctricas cabreadas porque se limitan os inxentes beneficios que perciben foron acompañadas pola crítica dos dirixentes do PP e VOX, que semellan máis preocupados polos beneficios das eléctricas que das facturas que pagan as familias, pero os e as socialistas non chegamos ao goberno para ceder a chantaxes empresariais destas corporacións e si para mirar polo interese xeral.