29 de junio de 2014
29.06.2014
La Opinión de A Coruña
ARTEIXO

Versos arteixáns saídos do mar

Un mariñeiro de baixura, veciño da parroquia de Pastoriza, publica o seu primeiro poemario cos versos que compón e recita dende o seu barco dende hai xa dous anos

29.06.2014 | 00:45
Xosé Iglesias, no peirao de Oza, na Coruña. carlos pardellas

Levaba tempo dando voltas ao tema e á fin o seu desexo fíxose realidade. Xosé Iglesias, un mariñeiro veciño de Pastoriza, vén de presentar o seu primeiro poemario, 'Transfusión Oceánica', respaldado por unha editorial. Os seus poemas, compostos nos últimos anos a través da experiencia e o amor ao mar, veñen acompañados das ilustracións doutro arteixán: Roberto Castro, libreiro da libraría local Sisargas. A dureza do Gran Sol, o respecto e a tranquilidade do mar e mesmo a indignación polas políticas pesqueiras que parten de Bruxelas quedan recollidas nos versos dun mariñeiro que triunfa nas redes sociais

O mundo do mar e a poesía sempre foron collidos da man. Son moitos os poetas e poetisas da comunidade galega que, o longo da historia, adicaron versos á paisaxe mariñeira, á actividade pesqueira e aos mariñeiros que arriscan as súas vidas a diario para volver con peixe a terra. Un deses traballadores do mar convértese agora en poeta. Xosé Iglesias, un veciño da parroquia arteixana de Pastoriza, vén de presentar o seu primeiro poemario, que adica en exclusiva ao mar. 36 poemas compoñen Transfusión Oceánica, unha obra na que o autor recolle os versos escritos nos últimos anos a través do traballo do día a día no mar. "Este traballo é unha ofrenda ao mar, sentía que lle debía algo", explica o autor, que se sente "afortunado" por contar co respaldo dunha editorial para sacar o seu poemario adiante nestes tempos de crise.

A intensa relación de Iglesias co mar venlle de familia. A súa nai era mariscadora e súa tía peixeira. Logo de aprobar varios títulos de náutica e o de capitán de pesca, este veciño da Pastoriza -aínda que nado en Cee- enrolouse nun barco de altura con rumbo ao Gran Sol, un caladoiro no que estivo traballando durante catro anos. Moitos dos poemas da súa obra están adicados á dureza destas augas do norte.

Hai cousa de dez anos, de volta en Galicia e coa súa vida "xa estabilizada", Iglesias cumpriu o seu "soño de toda a vida": mercou o seu propio barco. Nel, no Primero Villar (con base na Coruña), o mariñeiro comezou a dar renda solta á súa vea poética, hai cousa de dous anos. Nove metros é o punto de partida da súa obra, un poema titulado así en referencia aos nove metros de eslora da súa embarcación. Pero este poema non é novo, como moitos outros que están recollidos na publicación. Iglesias leva escribindo dous anos, e algúns dos seus versos xa os deu a coñecer nos últimos meses a través das redes sociais.

Unha corna sérvelle ao mariñeiro de introdución poética para recitar dende o seu barco, e diante dunha cámara, os seus poemas, que posteriormente sube a YouTube. "Os poemas están escritos todos dende a perspectiva do mariñeiro, dende o meu barco", explica o autor, que sacou tempo para compoñer os versos. "

A vida do mariñeiro deixa pouco tempo libre, pero pouco a pouco puiden ir escribindo todo isto", afirma o escritor, que mostra o seu intenso amor polo mar. "Igual que hai quen quere amosar amor á súa muller, ou a un animal, eu quería dar esta ofrenda ao mar", afirma o veciño da Pastoriza.

Perigo, dureza, tranquilidade... Son algúns dos sentimentos que o autor trata de reflectir cos seus versos. Pero tamén hai sitio para a crítica. Loita é o título do poema no que recolle a crítica ás políticas das administracións relativas á pesca, que non fan máis que "afogar" aos mariñeiros galegos, especialmente aos de baixura, coma el. "Confío no mar, no seu futuro, pero non nas administracións", afirma rotundo Iglesias, que nun dos seus vídeos de Youtube lanza xarda de volta ao mar para denunciar a situación pola que están a pasar os mariñeiros.

Pero, como este traballador do mar chegou a publicar un poemario? Iglesias participou nun obradoiro impartido por Xurxo Souto, logo do que decidiu "tomar máis en serio" o tema da poesía e porse mans á obra. "Apetecíame publicar o meu traballo e á fin conseguino", celebra. Transfusión Oceánica, que comezará a venderse a semana que entra, conta co respaldo e a aposta decidida da editorial Caldeirón. "Estou coñecendo a moitos poetas que teñen problemas para publicar. Eu tiven moitísima sorte con contar con esta editorial", afirma o autor.

Pero Iglesias non está só. Os seus poemas veñen acompañados das ilustracións doutro arteixán, Roberto Castro, o libreiro da libraría arteixana Sisargas. "Reflicten a realidade de cada poema, a súa esencia", explica o mariñeiro, que asegura que quedou "impresionado" co traballo do debuxante, que realizou ilustracións "abstractatas, surrealistas e tremendas".

Dous arteixáns suman así forzas para sacar adiante Transfusión Oceánica, un poemario que supón un sopro de aire fresco para a literatura galega e un canto de amor e respecto ao mar.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Elecciones Generales 2019

Domingo 10 de Noviembre de 2019, España

Congreso de los Diputados

esquelasfunerarias.es