"Cando morre unha lingua, con ela morre unha cultura e o mundo queda moito máis pobre do que é", sentenciou o autor homenaxeado este ano polas Letras Galegas, Manuel María, nunha charla pronunciada na biblioteca municipal de Sada en 1999. O Concello sadense ofrece aos veciños, dentro das iniciativas programadas polas Letras Galegas, a posibilidade de acceder a fragmentos daquela conferencia a través de varias grabacións sonoras, un dos xeitos, xunto coa escrita, de inmortalizar unha linguaxe segundo o escritor.

O espectáculo de danza e música que Quique Peón Cía ofreceu onte en Betanzos, O poder do arcabuz, con case cen artistas en escena, caldeou os ánimos na víspera do aniversario dos Cantares gallegos de RosalíaCantares gallegos. O público desbordou o pavillón do Carregal para lembrar a revolta dos Irmandiños.

Arteixo celebrará hoxe ás 13.30 horas unha ofrenda floral en Sol e Mar e programa un concerto homenaxe a cargo de Xabier Díaz, que actuará a dúo no centro cívico e cultural (CCC) de Arteixo do venres a partir as 20.45 horas.

Bergondo realizará tamén unha ofrenda floral, hoxe ás 12.00 horas na Senra. En Betanzos, na sala Xulio Cuns do Liceo, entregaranse ás 12.00 horas os premios do XII Concurso de Cartaces das Letras Galegas do XI Concurso de creación literaria. Despois, haberá contos prara nenos. En Sada, o Concello repartiu polos comercios folletos nos que se inclúe unha reseña sobre Manuel María e se invita aos usuarios a cubrir un cuestionario sobre o autor e a animarse a redactar uns versos. Os participantes que acudan o sábado a un espectáculo sobre poesía na Capela de San Roque participarán no sorteo de libros do autor, unha peza de Cerámicas do Castro e un cheque-regalo para material educativo.

Oleiros, pola súa banda, celebrará hoxe na Casa do Pobo de Nós ás 11.00 horas un obradoiro de barro e outro de instrumentos musicais reciclados. Pola tarde, a partir das 17.00 horas, actuarán os cantareiros, a coral Airiños de Nós e representarase a obra teatral A súa vida, por Estíbaliz Veiga e Xosé Leis. Culleredo celebrará hoxe no Burgo unha feira de artesanía con actuacións folclóricas e maxia. Cambre celebrará hoxe contos e xogos tradicionais despois do acto principal, o Concerto das Letras, o domingo.

Premios literarios ou actividades artísticas sucedéronse estes días. A Deputación da Coruña organizou ademais unha exposición e una tertulia no local coruñés no que o autor realizou durante anos coloquios diarios.