- Que pode lerse no libro?

-É unha viaxe ao Arteixo de antes. Dos anos 40, 50 e así ata chegar aos 70. Son 38 crónicas nas que se fala dos primeiros locais de hostelería e de como era a vida do concello neses días e tamén a vida das parroquias. Fálase das percebeiras de Rañobre, do aeroporto que estivo a piques de asentarse en Arteixo e fálase de fútbol. Aparecen dous capítulos de Arsenio Iglesias: un da súa etapa como xogador e outro como adestrador. Hai un pouco de todo. Moitas delas que a xente descoñecía.

- Como está estruturado o libro Crónicas de Arteixo ?

-As 38 crónicas están postas por orde cronolóxica.

- O libro parte do seu blog, Crónicas de Arteixo . Por que decidiu abrir este espazo na rede?

-Decidín crear o blog porque sempre fun consciente de que as informacións que fun xuntando ao longo da miña vida non ían chegar a papel. O blog nace para difundir esas historas antes de que se perdan. Ese era o obxectivo.

- O blog voltouse moi coñecido neste tempo.

-A semana pasada superou as 200.000 visitas. Estou nunha nube porque estamos falando dun blog de ámbito local e que ten dous anos.

- Con cal das 38 crónicas se queda?

-Quédome con todas. Téñolle o mesmo cariño a todas.

- Recopilando estas historias puido coñecer mellor a historia de Arteixo. Cal é mellor: o Arteixo actual ou o de hai 50 anos?

-Depende un pouco como se plantexe a vida. En tranquilidade e ritmo de vida quedaríame co Arteixo de antes evidentemente. Co Arteixo no que a xente falaba unha coa outra, no que a xente daba os bos días e no que necesitabas un favor e estaba toda a xente disposta a axudar. No Arteixo de hoxe en día iso non se respira. Seguramente nas parroquias, si. No núcleo urbano, non.

- Cambiou moito o Arteixo actual respecto o de hai 50 anos?

-Arteixo vila, si. Eu fago 47 anos a semana que vén e recordo ver moitos solares vacíos.

- Practicamente só existía A Baiuca?

-Iso era máis na época dos meus avós. Nos anos 30 ou 40. O Arteixo actual empezou a mudar a súa fisonomía nos anos 60 co polígono [de Sabón]. Antes diso a vida xiraba entorno o Balneario e A Baiuca. O Arteixo de hoxe xira entorno do polígono, por non dicir Inditex.

- Por que escolleu a imaxe do trolebús para a portada do libro?

-Entendo que é unha imaxe que reflicte o que buscamos. Este trolebús funcionou dende os 50 ata os 70. Esta imaxe reflicte dúas décadas que aparecen con forza no libro.

- Imaxino que no libro aparecerá moito o Balneario.

-Dedícolle un capítulo enteiro ao Balneario e tamén aparece de xeito indirecto noutras historias.

- Hai algún edificio que tivese tanta importancia en Arteixo como o Balneario?

-Iso quedará para crónicas posteriores. Pode ser o edificio da Garda Civil. A vida durante máis dun século a vida xirou arredor do Balneario. O Balneario foi o que situou Arteixo no mapa. E máis tamén o Santuario de Pastoriza, que tamén aparece no libro. De 50 anos para atrás era situado no mapa basicamente polo Balneario. Perdeu forza polo tema do polígono.