Hai aproximadamente cen anos non había festa na que non sonasen as músicas, que así era como se lles chamaba ás formacións que, máis tarde, evolucionaron en orquestras. Para traer á actualidade esa antiga maneira de tocar e de estar nos bailes, o músico cecebrés Pedro Lamas puxo en pé, de novo, unha banda con músicos de Cambre e da súa contorna e recuperou algunhas das pezas que tocaban, daquela, as que formacións que naceron alentadas polos Barral e os Moris, "os patriarcas de dúas sagas de músicos" da vila cecebresa, segundo lembra Lamas.

A Música de Cecebre estrearase cos seus novos compoñentes este domingo, 19 de agosto, ás 19.30 horas, na sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, dentro das actividades organizadas para celebrar o 75 aniversario da publicación da obra El bosque animado. "Queríalle dar continuidade a este nome que ten xa a súa historia na comarca, A Música de Cecebre apareceu no ano 1897, por obra do vello Barral [José Barral Méndez, músico que deu pé a outras moitas formacións] e durou até 1935. Funcionou sobre a familia Barral e achegados", explica Lamas, que é o gaiteiro e o director desta idea recuperada.

"A banda desde que apareceron as orquestras, como Os Satélites, a Iberia ou Los Españoles, xa non seguiu coa marca de A Música de Cecebre, aínda que había moitos músicos de alí que tocaban noutras formacións. Eu, que tamén son de Cecebre, tiña unha débeda con eles, así que, como agora hai unha nova xeración de músicos de Cecebre, o que facemos é retomar os tempos dourados desta música, na primeira metade do século XX e recuperala", explica Lamas, que pretende conservar a esencia daquelas formacións e das súas partituras, así que, A Música de Cecebre contará con sete integrantes, xa que hai un século as bandas tiñan, como moito, dez ou doce músicos.

"Imos tocar pezas que sonaban naquela época nestas formacións, tamén fixen o esforzo de buscar outras que, ao mellor, non se tocaban pero que ben puideron ser adaptadas. Como este domingo é o aniversario da publicación de El bosque animado, imos aproveitar para tocar unha peza dun poema que escribiu Wenceslao Fernández Flórez en galego, A últema nota, e que musicou Mauricio Farto [que foi o primeiro director de Cántigas da Terra]", comenta Lamas, que lembra que Cecebre foi, noutrora, un lugar recomendado polos médicos polo seu clima e a proximidade do río, e unha vila de veraneo de moitos intelectuais.

No libro, Fernández Flórez fala tamén dos bailes de Cecebre, dos que se facían na sociedade dos anos vinte e trinta, daquelas festas nas que participaba a mocidade e nas que se xuntaban as parellas para escoitaren a banda mais tamén para bailaren, para botar pasodobres, valses e muiñeiras e tamén fox-trot, que era, entón, ritmo más de moda. "Parece que os tempos deixaron un manto por enriba de toda esta época e que xa poucos a lembran, os que poderían ser os meus avós si que a recordan e por iso quería recuperala", conclúe o director da banda.

Durante toda a fin de semana haberá actividades en Villa Florentina. O sábado, 18, tocará Blue Ribbon Hearlers ás 18.00 horas, que é unha banda norteamericana de jazz antigo, ao estilo do que se interpretaba en Nova Orleáns.

O domingo, a xornada comezará ás 11.00 horas, cunha "expedición literaria" arredor do Bosque Animado; ás dúas da tarde haberá un xantar campestre, para todas aquelas persoas que queiran levar a súa comida nunha cesta; ás cinco da tarde, abrirá o campo de croquet, ás seis comezará o acto de entrega de premios do Concurso Literario de Lendas de Misterio, en colaboración co Círculo de Ares e, ás 18.30 horas, a agrupación Iulius XIII lembrará como era a música urbana nos tempos do Bosque Animado.