A periferia da cidade da Coruña segue inzada de herbas da Pampa. E iso é algo que durante o verán non se fai tan patente, pero que coa chegada do outono comeza a visualizarse en forma de centos de miles de novas inflorescencias (plumachos) que monopolizarán bordos de estradas, fincas abandonadas e case calquera espazo cun mínimo de terra removida. Cada plumacho das plantas femininas producirá máis de cen mil sementes, que se poderán esparexer ata unha distancia de 35 quilómetros.

Hai que ter presente que a Cortaderia selloana -así é o nome científico desta especie- é unha das cen peores especies invasoras en Europa segundo o inventario Daisie, e a nivel mundial é abordada nos catálogos de referencia CABI e GISD, que subliñan a súa perigosidade para os hábitats naturais fóra da súa área de distribución natural en Sudamérica. En efecto, as súas densas masas (macollas) exclúen a flora nativa, aumentan o risco de incendios e supoñen un risco para a saúde, unha vez que as súas follas cortantes poden provocar danos na pel e ollos.

O Concello de Oleiros leva varios anos advertindo da súa perigosidade -denominándoa acertadamente "peste"-, incoando a propietarios a eliminala das súas parcelas. A mellor maneira de facelo é abordando primeiro as pequenas plántulas, ata a altura dos xeonllos, mediante o arranque manual cun sacho ou eixada. Para arrancar individuos adultos é necesario, primeiro, eliminar as inflorescencias con coidado, cortándoas e gardándoas en bolsas evitando que se esparexen as sementes. Unha vez eliminada esta parte, habería que rozar as perigosas follas -de bordos moi cortantes-, empregando instrumental de protección persoal axeitado. Por último, para eliminar a macolla débese usar maquinaria para así evitar o reabrollamento. Os operarios deben ir protexidos, xa que os bordos serrados das follas poden causar lesións. Non se deben deixar restos das plantas no terreo, xa que determinadas partes poderían enraizar de novo. Non se deberían usar herbicidas, unha vez coñecida a súa perigosidade, nin tampouco empregar o lume para queimar as plantas, xa que as sementes son resistentes a este, e as macollas queimadas rebrotan con máis forza semanas despois do incendio.

Así e todo, a herba da Pampa non é a única especie de planta invasora da contorna coruñesa: o chamado bambú xaponés, falopia ou reinutria ( Reynoutria japonica) está a se expandir en pequenos núcleos arreo da comarca, con especial incidencia arredor das poboacións de Santa Cruz (Oleiros), Fontaíña (A Coruña) e A Laxe (Culleredo), con varios puntos tamén nos bordos do río Mero e incluso xunto á igrexa de San Francisco na cidade da Coruña. Esta especie orixinaria do extremo leste asiático, é unha das cen especies invasoras máis perigosas do mundo segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), debido á súa enorme adaptabilidade a case calquera tipo de solo e clima, á súa reprodución vexetativa a partires de pequenos fragmentos da planta e a súa afección á biodiversidade e ás infraestruturas humanas. Efectivamente, as plantas de bambú xaponés poden penetrar nos cimentos de edificios e nas bases doutras infraestruturas, desestabilizándoas e provocando danos que exixen cuantiosas reparacións. A urbanización de parcelas no Reino Unido está suxeita á eliminación previa desta especie na zona, a cal é realmente custosa: 166 millóns de libras ao ano neste país, que poderían chegar ás 46.000 libras por metro cadrado nalgúns casos, segundo o portal CABI.org.

E hai outras especies invasoras na nosa zona, desde tritonias ( Crocosmia x crocosmiiflora) a hedras alemás ( Deilarea odorata), pasando por uñas de gato ( Carpobrotus edulis), gramón ( Stenotaphron secundatum) e margaridas do Cabo ( Arctotheca calendula), ata máis de 30 especies para as cales sería necesario un plan de erradicación.

Coñecelas é un primeiro paso para erradicalas. O segundo, esixir ás administracións -sexan locais, autonómicas ou estatais- que invistan na súa eliminación. E, por suposto, colaborar con campañas de eliminación destas especies, como as que ONG como a Asociación para Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), o Grupo Naturalista Hábitat e a Sociedade Galega de Historia Natural -entre outras- realizan de cotío na nosa contorna. Todo sexa porque as diferentes "pestes" non se estendan máis.