O BNG presentou onte o seu novo candidato á alcaldía de Irixoa para as eleccións do vindeiro ano. Sergio Boado, propietario dunha granxa agrogandeira ecolóxica dos Altos de Verís, tomará o relevo de Rosa Rivas á fronte da candidatura. A actual concelleira e os nacionalistas Adrián Laxe e Loli Rodríguez formarán parte do equipo do novo cabeza de lista.

"Presentámonos con ganas e ilusión para rematar cun goberno do Partido Popular que non cre no rural deste país e que está deixando esmorecer o noso concello por falta de proxectos e de crer nas nosas posibilidades", criticou onte Sergio Boado, que engadiu: "Nós somos a parte máis activa do noso concello e da comarca, cremos que temos moitísimas posibilidades e temos proxectos para dar vida a Irixoa porque estamos orgullosos do país e dos sectores produtivos".

O BNG convida a veciñanza a sumarse ao seu grupo de traballo para acadar un "cambio real" no municipio: "No BNG temos un modelo de concello, que está comprobado alí onde gobernamos que funciona e que sabemos que é o cambio que Irixoa precisa para deixar de ser un municipio do rural que perde poboación e carece de servizos e pasar a ser un concello dinámico con proxectos novidosos".