A familia Seivane recibirá hoxe o Premio Ramón Piñeiro Facer País, que recoñece ás persoas ou entidades que desenvolven un labor destacado a prol de Galicia. Integrantes da Asociación Cultural Val do Láncara serán os que fagan entrega do galardón. O acto terá lugar ás 12.30 horas no salón de plenos do Concello de Cambre. A familia Seivane reside neste municipio, onde conta dende fai anos cun obradoiro de gaitas.

A orixe deste obradoiro está ligada a Xosé Manuel Seivane Rivas, nado en Lugo en 1921 e falecido en 2012 en Cambre. El comezou a facer gaitas dende moi novo creando o selo Seivane. Tamén era gaiteiro e clarinetista. O seu pai era un gran ebanista e a súa nai tiña un gran oído musical. Despois de moitos anos de traballo en Lugo, en 1994 o pai e os seus dous fillos decidiron trasladarse a Cambre e traballar xuntos no obradoiro, conformando unha empresa familiar.

No ano 1976 naceu Susana Seivane, que se convertiu nunha das gaiteiras máis recoñecidas de Galicia co tempo. O obradoiro Seivane loita para conservar e potenciar a música tradicional galega como ben inmaterial que hai que coidar, amar e transmitir. No acto estará o alcalde de Cambre e o de Láncara, o edil de cultura e o presidente da asociación Val do Láncara.