Montábase unha praza de touros con graderío de madeira que se enchía ata a bandeira... do aguilucho, porque eran os anos sesenta e a aquelas corridas non faltaba o dictador Franco. As estrelas eran os Pallas, os irmáns Jesús e José García Iglesias, veciños de Pousada que aprenderon o toureo. Estas fotografías pode que sexan das máis sorprendentes para os máis novos de Oleiros cando ollen a segunda edición de Oleiros na Memoria, a publicación que recolle o traballo de case cinco anos nos que 261 veciños de todas as parroquias, divididos en trece grupos, foron polas casas buscando información e fotografías antigas, facendo entrevistas, mirando nos arquivos oficiais e revolvendo nos seus propios caixóns.

Con todo o que colleitaron estos maiores metidos a investigadores e xornalistas, fíxose esta nova entrega, nesta ocasión dedicada á diversión, ás festas, ao baile e ao cine dende os anos vinte da fotografía máis antiga cara acó. O Concello editou 3.000 exemplares deste traballo que se envían ás bibliotecas municipais, colexios, asociacións e centros de maiores, entre outros.

"A primeira edición, de febreiro de 2014, eran case 200 maiores e agora son 261, hai máis interese nesta iniciativa. Eles aprenden ao investigar e ao mesmo tempo son mestres, porque despois van aos colexios tamén a explicarlle aos rapaces como eran os costumes, as festas, a vida de antes. O próximo ano irán a tres colexios. No caso da sala de festas El Seijal, falaron cos responsables, puideron entrar e sacar fotografías", conta unha das coordinadoras deste proxecto, Élida Rodríguez. Na publicación os maiores deixaron constancia do seu desexo de que a sala volva abrir unha vez para bailar de novo e lembrar cántos se namoraron neste lugar ao que viñeron cantantes coma Nino Bravo, Raffaela Carrá, Camilo Sesto ou Raphael.

A publicación conta a mocidade dos maiores nos corenta ata os sesenta, os salóns e pistas de baile en cada localidade, coma o salón de Pepitolas, a pista de Chaparrita, o Capitol, o salón da Antona, A Perla, A Esmeralda, o Rancho Chico, a Pista do Japonés, a pista do Carnicero, o salón Miraflores, ou o cabaré Luxor. Ou o ainda famoso restaurante Maxi que na sala de festas da planta alta puxo unha bola de cores no teito e espellos, adiantado á época, que escandalizou ás nais.

Tampoco falta a memoria dos antigos cines, o Mesías, o de Carnicero, ou o de Del Pardo (edificio que ainda existe) no que había, na terraza, unha gramola que se oía en toda a capital. As verbenas, as festas nos prados, os caneiros, son retratados noutras instantáneas. Como se lembra tamén ás orquestas. O propio alcalde Ángel García Seoane, como músico de orquesta naqueles anos, aportou unha fotografía á publicación na que sae el lucindo tupé e bigote, vestido de traxe e paxarela. "Fermosos recordos dos tempos nos que para divertirse facía falta ben pouco, amizades e música, así de sinxelo, así de bonito", dí Seoane no saúda.

"Con esta iniciativa consegues que a xente se empodere, daslle valor ás súas vivencias e á súa historia, daslle enerxía", di Élida.

"Das-lle un propósito, unha ansia. Nun estudo sobre os centenarios de Okinawa en Xapón vin que teñen moitas cousas en común cos maiores de Oleiros. Todos activos, en actividades ou deporte, comendo cousas naturais, todos cun propósito persoal e grupal, e todos polas tardes se relacionaban socialmente, como aquí cos talleres de memoria", sinala Nacho Crespo, concelleiro de Servizos Sociais.