Maruja, mariscadora; Elena e Marisa, redeiras; Chiruca, patroa de barco; e Maruja, traballadora dunha conserveira, convertéronse esta semana en mestras de vida nas aulas do colexio Luis Seoane de Canide. Como se facían as redes e como se usaban, os tipos de peixe e mariscos, como se conservaban, foron algunhas das explicacións que estas mulleres lle deron aos rapaces de terceiro curso de Primaria deste colexio. Estas mulleres ademais son alumnas á súa vez dos obradoiros da memoria que organiza o Concello de Oleiros. Con esta iniciativa trátase de ensinar cunha perspectiva de xénero e tamén interxeracional e que enriquece tanto aos nenos coma a estas mestras por un día. Os maiores dos obradoiros de memoria tamén irán aos colexios Juana de Vega en Nós (onde falarán do barro) e o da Rabadeira.