O corvo mariño cristado, unha especie vulnerable e en perigo de extinción en Galicia e España ten no Golfo Ártabro a súa principal zona de cría de toda a península ibérica (cunha colonia estable na baía de Santa Cruz). Nesta zona tamén está presente o furabuchos ou pardela balear, a ave mariña máis ameazada de Europa e o paíño europeo, especie vulnerable. Son algunhas das aves máis importantes que existen na cornixa cantábrica que agrupa 16 concellos con 290 kilómetros de costa desde Arteixo ata Narón. Nesta extensión hai varios espazos na Rede Natura 2000: Costa de Dexo, Costa Ártabra e Betanzos-Mandeo, ademáis de dúas ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves), a de Ferrolterra e a de Costa Norte, pero non hai ningunha no Golfo Ártabro, ningún espazo que protexa ás aves a pesar de albergar importantes poboacións. O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), o centro de referencia ambiental galego con sede no castelo de Santa Cruz en Oleiros, acaba de iniciar un traballo para propoñer que o Golfo Ártabro obteña do Estado a declaración de ZEPA.

O Ceida, co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para la Transición Ecológica, iniciou trámites de cara a esta protección mediante un proceso participativo que empezará o próximo mes de abril, os días 3, 4 e 5, con grupos de traballo de distintos sectores: turístico, recreativo, da pesca e do marisqueo, acuicultura, sector académico, administracións e ata ONG.

Haberá tamén grupos de traballo abertos a todos os cidadáns nos meses de maio e setembro, que incluirán un obradoiro participativo e un seminario. Realizaránse estudos de campo por expertos para facer censos de poboacións de aves mariñas e a identificación de impactos da actividade humana sobre as aves. Despois de todo este traballo conxunto faráse o documento final para a declaración dunha ZEPA.

Co nome de Proxecto Aves Ártabras, o Ceida quere "avanzar no diálogo" para propoñer unha "potencial protección do espazo mariño do Golfo Ártabro", coa implicación de todos os axentes públicos e privados; e tamén facer unha proposta para a xestión pesqueira e costeira sostible que garanta e promova a conservación das actividades pesqueiras, acuícolas e marisqueiras tradicionais "en termos de sostibilidade, exemplaridade, innovación e de rendemento económico, ambiental e social".

O Ceida, deste xeito, quere promover unha proposta para declarar unha ZEPA no Golfo Ártabro pero tamén "promover e reforzar un modelo de xestión pesqueira, acuícola e marisqueira exemplar", ademais de potenciar propostas de xestión e planificación marítima e litoral compatibles coa conservación da biodiversidade.

Con este calendario de tarefas fixado, o proxecto pretende obter información científica relevante sobre as poboacións de aves mariñas reprodutoras na zona ártabra, aves mariñas e acuáticas invernantes, e o seu paso migratoiro por este territorio. Cando se teña a proposta final despois do debate participativo poderá prantexarse unha ZEPA mariña, costeira ou mixta, destinada á xestión sostible dos recursos pesqueiros e a conservación das aves mariñas.

A Xunta, o Concello de Oleiros, a Unión Europea, as tres Universidades, os grupos de acción local dos Golfos Ártabros, a Reserva de Biosfera e os ecoloxistas WWF, son algunhas das entidades que xa manifestaron o seu apoio ao proxecto.