O manifesto oficial escollido este ano para as actividades do Correlingua foi elaborado por estudantes do instituto de Carral. Rapaces dun clube de lectura que coordina o profesor de Lingua Galega Anxo Gómez contaron coa axuda de docentes de asignaturas de Ciencias e enlazáronnas con demandas polo uso do galego ata dar coa fórmula que lles fixo resultar escollidos: xogar con elementos químicos da táboa periódica, que cumpre 150 anos, para instar a que se impartan as materias de ciencias en galego, dacordo coas bases do certame e co seu lema, O galego é a fórmula, e en contra do que marca o actual decreto da Xunta, que obriga a impartilas en castelán, explica Gómez.

Os creadores do manifesto gañador son 14 estudantes que dúas veces ao mes cambian os seus recreos por sesións do clube de lectura. A maioría dos rapaces cursan de 4º da ESO, agás dous de 3º e un de 2º, sinala o profesor. "Propúxenlles participar no concurso do manifesto do Correlingua e animáronse. Xa que as bases suxiren abordar a demanda de que se impartan as materias de ciencias en galego, falamos con profesores de Física e Química ou Bioloxía e suxeriron partir da efeméride da táboa periódica, que se presentou hai 150 anos. O texto comeza moi similiar ao inicio do texto da Galipedia sobre a táboa periódica. Mesturamos os símbolos químicos coa idea de que a lingua tamén é un símbolo importante para os galegos e creamos o manifesto", conta o docente.

O escrito realizado polos rapaces carraleses, titulado Temos química coa nosa lingua, comeza cunha lembranza á presentación da táboa periódica polo ruso Mendeleiev e, a continuación, unha metáfora e reivindicación da comunión dos galegos coa lingua propia: "As galegas e os galegos somos os elementos da nosa táboa periódica, a nosa lingua. Os símbolos químicos e o noso idioma xuntos". Despois, o manifesto mantén o xogo entre a química e a lingua e inicia varias frases con letras en maiúscula que simbolizan elementos químicos. "ALimenta a túa lingua", "Bioloxía en galego,berra" ou "BaiLa coa túa lingua" son algunhas das consignas recollidas no texto, que se lerá nos colexios en todos os actos organizados polo Correlingua, explica Anxo Gómez. A xeito de refrán, o manifesto repite: "Estes son os símbolos químicos / O galego é o noso símbolo! / Temos química coa nosa lingua".

Os rapaces carraleses recibirán o premio este venres nun acto que se celebrará na Deputación de Lugo. Serán agasallados cunha estadía dous días no albergue de Alvarella Ecoturismo en Doroña. No acto de entrega do galardón aos rapaces carraleses como creadores do manifesto escollido este ano, serán recoñecidos tamén os gañadores polos traballos realizados noutras modalidades do Correlingua, como banda deseñada ou vídeo.

Os estudantes do instituto de Carral encargaránse tamén de ler eles mesmos o seu propio manifesto. Será no acto central do Correlingua na provincia, que se celebrará na Coruña.