15 de mayo de 2019
15.05.2019

48 horas falando galego nun instituto de máis de 600 alumnos castelanfalantes

O María Casares de Oleiros promoveu a iniciativa e os estudantes asinaron un contrato de compromiso co idioma e lamentaron que non llo falaran de nenos

14.05.2019 | 21:30
Algúns dos estudantes do instituto María Casares que participaron na iniciativa de falar galego todo o tempo durante 48 horas.

No café unha nai está buscando no móbil que é o dengue porque na escola mandaron que as rapazas levasen posto un polo Día das Letras Galegas, pero no Google imaxes sae o mosquito que transmite a enfermidade. Outra nai dique á súa só lle mandaron levar un pano e outra, que ten que buscar unha desas gorras que se levaban antes na cabeza. Cae a alma aínda máis abaixo dos pés cando che contan que o instituto María Casares de Oleiros ten máis de 600 alumnos e ningún fala galego de forma habitual. E ábrese un pouco o día cando ves que máis de 200 destes adolescentes firmaron un contrato comprometéndose a falar galego durante 48 horas seguidas, onte e hoxe, no instituto, na casa, cos amigos, polo WhatsApp, no Facebook. É un comezo.

"Eu veño de Carballo, onde o 100% fala en galego, e cheguei este ano ao María Casares e vin que todos falaban castelán. As estatísticas dan mal para o galego, pero dan unha media e podía pensar un 5%, pero un 0%... É outra realidade. Esta idea partiu do equipo de Normalización Lingüística onde están varios profesores e alumnos. A partir dai, os rapaces mobilizáronse. Pensábamos que ían apuntarse vinte ou trinta e ao final foron uns 200", conta o docente de Lingua Galega Nel Vidal.

A iniciativa dos rapaces foi espectacular, un exemplo de talento para o marketing. Hai dúas semanas iniciaron unha "campaña de expectación". Ao chegar ao instituto había postits por paredes, baños e pupitres con frases abstractas en galego, como Eu mudo a pel. Non se sabía o que pasaba. Uns días despois choveu nun recreo, dentro do pasillo, unha morea de avionciños de papel con mensaxes pedindo falar en galego.

Despois xa se lles ocorreu o do contrato. Cada estudante asinaba, se quería, un contrato polo que se comprometía a falar galego 48 horas seguidas, elixindo nivel: o ProGalego era falar o idioma do país en horario lectivo, no instituto, con compañeiros e mestres. O nivel ProGalegoPlus era falalo tamén fora do centro, cos amigos, nas redes sociais. A inmensa maioría elixiu o nivel avanzado. No recreo había colas de rapaces esperando para asinar contratos.

"Eu nunca falo galego, pero na miña casa si o falan meus pais. Eles dixéronme que esta iniciativa lles parecía moi ben, a min apetecíame facelo porque non escoito moito falar en galego. Esperemos que non se estea perdendo", conta Uxía Abades, de 15 anos, que fai cuarto de ESO no María Casares e asinou este contrato coa lingua, polo de agora por 48 horas, todo é empezar. Curiosamente, todos os alumnos se queixaron de que non lles falaron galego de nenos.

"Eu fáloo ás veces, pero nin meus pais nin meus avós o falan, e todos quedaron abraiados cando me oíron pero gustoulles a idea. Eu penso que dende pequenos deberíannos falar en galego, para estar máis familiarizados, porque nos dan todo en castelán. Vou tentar falalo máis porque non me gustaría que se perdese", explica Andrea Villar, de 16 anos.

Entre as participantes no #Desafío48 estivo Sabela Lage, multicampiona de judo, de 15 anos. "Eu nunca falo galego, ninguén da miña familia o fala, e a min gústame, ´´e unha pena que non o falen. Gustaríame que de pequena me tiveran falado porque é un idioma moi bonito e gustaríame falalo con fluidez. Vou intentar practicalo. Xa mandei varios whatsApps en galego tamén, a todos lles parece moi boa idea", sinala Sabela.

"Cambiar o chip está sendo difícil, porque ademais a primeira hora tíñamos lingua castelá, sintaxe, e respondinlle á profesora en galego, e tamén en clase de inglés. A miña avoa emocionouse cando llo contei porque é moi defensora do galego e a miña nai tamén lle pareceu moi boa idea. Aquí non temos ningún compañeiro que fale galego. Eu creo que é un erro, debíamos empezar a falar galego de pequenos, na casa. Mandei audios falando galego polo WhatsApp a amigas de fóra e non entendían nada", relatou outra estudante, Paula Lemos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook


Elecciones Generales 2019

Domingo 10 de Noviembre de 2019, España

Congreso de los Diputados

esquelasfunerarias.es