A deputada provincial Ánxela Franco Pouso, responsable de Benestar Social e Igualdade neste mandato, faleceu no Hospital Clínico de Santiago a causa dunha enfermidade detectada recentemente e que sen embargo, non impediu que ata o último día estivese pendente do traballo na Deputación coruñesa.

Ánxela Pouso, que revalidou o seu cargo como concelleira en Porto do Son polo BNG nas pasadas eleccións do 26 de maio, foi responsable na Deputación de numerosos programas sociais e proxectos contra a violencia machista. Hai uns días presentou o informe final do programa Compartimos plan, un traballo integral de diagnose arredor das políticas de igualdade nos concellos da Coruña. Ese día tamén anunciou en rolda de prensa a próxima aprobación dun Plan de Igualdade para promover actuacións destinadas a eliminar a discriminación das mulleres.

A Deputación amosou nun comunicado o seu "pesar" polo falecemento de Ánxela Franco e destacou o seu "intenso labor" nestes catro anos.