Armea é unha parroquia de Coirós que ten, no último censo, 61 habitantes. Na Idade Media é posible que tivera menos. Pero nela naceron dúas figuras sobranceiras para a lírica galaico portuguesa, un xograr, Pero de Armea, e unha soldadeira, María Balteira, que formaron parte da corte do rei galego e de Castela e León Afonso X O Sabio. O filólogo e profesor de Secundaria Alberto Barreiro, máis coñecido como Warren, está facendo un traballo sobre estos personaxes que sairá en formato de libro despois do verán gracias á edición que fará o Concello. Mañá sábado faráse unha presentación pública deste proxecto ás 21.00 horas na antiga unitaria, sede da Asociación Cultural e Recreativa Collantres. Unha hora antes tamén se fará o descubrimento dun monolito cunha praca en memoria destes persoeiros.

Pero d'Armea, ou Pedro de Armea, como tamén se escribe, e María Balteira, coincidiron no tempo, naquel século XIII. "El era nobre pero de baixo rango. Compuxo cantigas de amigo, de amor e de escarnio e maldizer, das que se conservan 18, que están na Biblioteca Nacional de Lisboa e no Vaticano. Son copias do século XVI dun cancioneiro de mediados do XIV. Ela era soldadeira, naquela época unha muller que acompañaba aos soldados, que bailaba e facía espectáculos para as festas en cortes e pazos, para os seráns, con bailes, números cómicos e malabarismos. É difícil sabelo pero con toda seguridade puideron actuar xuntos", conta Warren Barreiro. Este profesor usa nas clases cantigas de Pedro de Armea para que os alumnos traballen con elas, porque ademais parécenlle moi boas.

"O libro é divulgativo, non para expertos ou filólogos, senón para que o poida ler miña filla de dez anos ou miña sogra. No acto do sábado leremos tres pezas no galego de entón e tamén adaptadas ao galego actual, modernizadas, para ser mellor entendidas".

A Barreiro resultalle "fascinante" a figura de Balteira, unha muller que montaba a cabalo, xogaba aos dados, era moi boa co arco e participou nunha cruzada. Moito do que se sabe desta muller e polas cantigas que lle dedicaron outros, foi un personaxe moi coñecido.

O libro deste filólogo é un achegamento á cultura dos trobadores e a uns tempos nos que o galego era o idioma de prestixio da península, nada que ver co de agora.