21 de julio de 2019
21.07.2019
La Opinión de A Coruña
Concelleiro delegado da área de Urbanismo, Vivenda e Medio Ambiente. Representante do Concello de Sada na Comisión de Expertos do Parlamento de Galicia e na Xunta pro Devolución do Pazo da Deputación de A Coruña.

O fin dunha vergoña histórica

20.07.2019 | 22:54

Cando en agosto do 2017, o alcalde de Sada convocou un pleno extraordinario que tiña por único punto da orde do día Proposta de asunción e xestión pública municipal do réxime de visitas do Pazo de Meirás e medidas complementarias, eramos conscientes de que era un día importante para Sada, para a memoria histórica, para o recoñecemento das vítimas da represión franquista e, sobre todo, para adoptar acordos encamiñados a poñer fin á vergoña e ao anacronismo histórico da situación do pazo, co obxectivo da súa incorporación ao patrimonio público e a súa posta en valor.

No Concello xa viñamos traballando nesta perspectiva e así no PXOM, aprobado definitivamente en 2017, o primeiro da historia de Sada, o ámbito do Pazo se remite a un Plan Especial de Protección, no que "se analizará e respostará á posibilidade de que o BIC pase a ser de dominio e uso públicos en base aos acordos ou determinacións legais no contexto da recuperación da memoria histórica", engadíndolle unha disposición transitoria pola que o Concello xamais autorizará un cambio de uso para o pazo, a non ser que sexa para equipamento público ou sistema xeral público. Por tanto, o uso é, e seguirá sendo, o residencial, ata que se poña fin á vergoña da detentación polos Franco do pazo.

Por outra banda, o Concello sempre se mostrou activo en apoiar e participar en todas aquelas iniciativas que se puxeron en marcha co obxectivo final da recuperación para o patrimonio público do pazo. Así, participamos e tivemos un papel activo na Xunta pro devolución convocada pola Deputación de A Coruña e na Comisión de Expertos do Parlamento de Galicia.

En ambas as dúas comisións sempre defendemos o mesmo: que a vía xudicial debería ser a través dunha demanda civil na que se exerza unha acción reivindicativa, mais unha acción de nulidade do título de propiedade de Franco (por negocio simulado fraudulento) e a incorporación do pazo ao Patrimonio do Estado e así o fixemos constar en diversas propostas de redacción que se incorporaron no informe xurídico da Comisión de Expertos, que foi o que serviu de base a demanda que ven de presentar a avogacía do Estado. Asemade, sempre defendemos e solicitamos que unha vez presentada a demanda fose anotada preventivamente no Rexistro da Propiedade para evitar que, ante unha posíbel enaxenación, o comprador non puidera alegar que o inmoble fora adquirido de boa fe.

E sempre defendemos e defenderemos, como así consta no voto particular que emitiu o concello na Comisión de Expertos, que os Franco, dende o ano 1975, nunca foron posuidores de "boa fe" do pazo e que, polo tanto, non cabe a posibilidade dunha indemnización, o que podería representar un custe para o erario público.

Aínda que para nós a presentación da demanda chega con retraso, como xa llo fixemos ver a través de varias cartas remitidas ao presidente do Goberno no que lle diciamos que concordabamos en que hai que exhumar a Franco do Val dos Caídos, pero tamén retirar aos seus herdeiros do pazo, unha dupla retirada, por hixiene democrática e respecto á memoria histórica; tal e como anunciamos, queremos seguir tendo un papel activo no decurso procesual da demanda civil, por ilo incorporarémonos ao proceso civil unha vez notificada.

En definitiva, foron moitas as iniciativas políticas e xurídicas que no período 2015-2019 se puxeron en marcha dende Sada, pero tamén hai que lembrar todas as actuacións e iniciativas que desde gobernos municipais anteriores (declaración BIC), desde as administracións e desde a sociedade civil contribuíron a este proxecto común de recuperación do pazo de Meirás para o patrimonio público.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es