O único guerrilleiro antifranquista vivo, Camilo de Dios, e a guerrilleira, falecida o pasado mes de xullo, Consuelo Rodríguez Chelo, recibirán hoxe en Carral o premio Mártires da Liberdade, que concede a Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro. "Queremos loubar a súa loita pola democracia e contra o franquismo, que lles levou a ter unha vida moi dura", explica o membro da xunta directiva da asociación Lois Anxo Ferreiro.

O acto de entrega será hoxe, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura carralesa e agárdase que asistan o propio Camilo de Dios e que veña dende París o fillo de Consuelo, Georges. Aínda que o recoñecemento á guerrilleira se concederá de xeito oficial a título póstumo, Rodríguez soubo que lle ían conceder o Premio Martires da Liberdade. "Notificámosllo en canto fallamos o xurado. Púxose moi contenta, pero xa estaba delicadiña de saúde e ao pouco morreu", conta o directivo. "Camilo contamos con que veña á entrega. Queremos escoitar de boca del a súa propia vida e experiencia de vida, e queremos loubar esa loita e defensa a ultranza da democracia e, naquel momento, da República. Non lles quedou máis remedio que facelo daquela maneira", asegura Ferreiro.

Para lembrar a labor pola liberdade que realizou Consuelo Rodríguez, proxectarase no acto o documental Silenciadas, de Aurora Marco, no que se abordan, entre outras, a historia da guerrilleira. "A ela leváronlles aos seus pais diante dela para fusilalos e matáronlle a algúns irmáns. Ao principio facía de enlace coa guerrilla e despois non lle quedou outra que sumarse a ela. Foi represaliada e marchou a Francia, e viviu sempre alí", conta o directivo.

A elección dos galardoados nesta sétima edición dos premios foi escollida polo xurado, de entre varias propostas, ao considerar merecedores a De Dios e a Rodríguez pola súa "loita pola liberdade e a democracia e pola súa defensa cultural e social de Galicia", explica Ferreiro. Forman o xurado a xunta directiva da asociación xunto con premiados das anteriores edicións: Aurora Marco, a Fundación e a Irmandade Manuel María e Mini e Mero.