E se chove, que chova porque haberá unha carpa de 450 metros cadrados que garantirá que se poida desfrutar de dez horas de música gratis con seis grupos musicais de diferentes estilos. É a terceira edición do Rockanroleiros, que se festexará mañá sábado na praza Esther Pita de Santa Cruz.

As actuacións comenzarán ás 12.45 con Undercover, grupo oleirense que toca temas clásicos do pop e rock español e internacional. Pola tarde, sobre las 18.30 horas, estará Máxica, banda formada en 2017 que versiona aos clásicos do rock duro. Unha hora despois subirá ao escenario Theta Waves, tamén agrupación local de formación minimalista que toca entre punk e grunge. De seguido actuarán David El Cuerdas&K'Landrakers, que están preparando o seu segundo traballo. El Cuerdas compartiu escenario con artistas coma MClan, Leiva, Revólver ou Nacha Pop. Sobre as 21.30 actuarán Desubicados, pop-rock de músicos oleirenses e coruñeses; e ás 22.30 pechará a banda madrileña Aurora&The Betrayers.

Ademais de música, os asistentes poderán comer nos foodtrucks. Haberá tamén unha barra xestionada pola Asociación Musicoleiros (formada por bandas locais e aficionados) que organiza este festival xunto co Concello de Oleiros.