O Concello anunciou a pasada semana que estudará a creación dun mercado de abastos. A concelleira de Promoción Económica, Patricia Amado, ten claro que non pode ser do modelo tradicional, xa que está "esgotado".

No pleno da pasada semana comprometeuse a estudar a creación dunha praza de abastos, é viable o proxecto?

Comprometímonos a estudalo. Se é viable ou non, teremos que chegar a unha conclusión. A idea é facer un estudo no cal preguntemos a empresarios, comerciantes e veciños sobre a viabilidade. A idea non é que sexa unha praza ao uso. Nós si apoiamos a proposta que fixo Alternativa dos Veciños, pero buscando posiblemente unha praza de abastos distinta, onde poidan convivir o que poida ser o mercado e tamén un espazo gastronómico e zona de exposicións. Buscaríamos outro tipo de praza.

Consideran que o modelo tradicional está esgotado?

O modelo tradicional está esgotado. A maioría delas están ou ben a un 50%, como é o caso de Carballo, ou outros sitios como pode ser San Agustín ou calqueira dos mercados que teñamos habituais. Seguiriamos outra liña. Pode ser como o mercado de Tomiño ou algúns exemplos deste tipo.

Puido formular esta proposta ao Centro Comercial Aberto?

Tiven unha reunión, que era sobre as actividades do Nadal. Si que se falou. Eles dinme que non o ven mal e que dentro da xunta directiva chegouse a falar. Dinme que non hai inconveniente. Eles asociados teñen unha panadería e unha peixería, dentro do centro comercial nesa área. Entón, mal non o vían.

Unha posible ubicación?

Non sabería dicir. Definirase no estudo e entendemos que debería ser polo centro de Arteixo.

Para a feira dos sábados, ten pensada algunha medida para revitalizala?

Hai un estudo previsto tamén dentro desa liña. A idea é potenciar o comercio de proximidade e o dos produtores. É complicado, porque a realidade é que os veciños teñen que vir a mercar á feira. Aínda que a materia prima sexa de primeira calidade, pero se o veciño realmente non o ve, non podemos facer nada. Hai ideas de mellora.

Que propostas hai?

Unha delas, na praza do Balneario, sería a de poder levantar o produto do chan e poder meter aí outra liña. O produto de proximidade cómprase pola vista. Ao mellor poñendo as tarimas ou acondicionar o espazo. Acábanse de renovar os postos e os que quedan libres vólvense a ofertar, co cal seguiremos apostando pola feira.

A ubicación será a mesma?

Seguimos co mesmo sitio.

Está previsto levala ao campo das festas?

Non está previsto.

Que tal funcionan os cursos de emprego que realizan?

Nos cursos de emprego alcanzamos unhas insercións dun 60%, 65%. E apostamos coa colaboración da Xunta en dúas liñas: por un lado temos o Plan Integrado de Emprego, onde temos a 100 persoas. Temos cociña, restaurante-bar, limpeza, atención sociosanitaria, caixeiro-repoñedor, monitor de tempo libre e mozo de almacén. Este ano, no de mozo de almacén metemos o de empacador de peixe porque hai unha solicitude de empresa, que nos demanda ese perfil. E tamén temos os cursos AFD [Accións Formativas dirixidas prioritariamente a desempregados], que damos con certificados de profesionalidade.

Estes anos potenciouse un festival como Sisalde, pero hai prevista algunha medida para relanzar as festas tradicionais?

Sisalde foi unha aposta da Corporación que se levou a cabo e foi moi apoiada polos veciños. A idea é relanzar algunha máis. Posiblemente ou ben festas patronais ou ir a outra liña, pero sempre potenciando o rural.