A Fundación Francisco Franco continúa hoxe a xestionar as visitas ao Pazo de Meirás, como deu fe este mesmo xornal coa crónica de Antares Pérez dunha visita guiada realizada xusto despois de se facer pública a setenza que obriga á familia do dictador a devolver a propiedade. Ao mesmo tempo que realiza a súa intolerábel apoloxía do ditador, dedica tamén unhas palabras a comentar a sentenza que conclúe que o Franco deben devolver Meirás. Disque debe "cesar a persecución aos Franco" e continuar a exaltación do "Generalísimo".

En xullo de 2017, a Fundación Franco emite un comunicado agradecendo á Deputación da Coruña a súa intervención na "Junta pro Pazo del Caudillo", promovida en 1938 polas elites coruñesas para gañar favores de Franco. Coñecendo o papel xogado durante décadas pola Deputación, arranxando estradas, cedendo viais públicos ou encadernando os libros da biblioteca do Pazo, decidimos xuntar institucións, colectivos e persoas que puidesen axudar para lle dar a volta ao mal feito e reparar o dano.

Foi así como o 9 de agosto xuntamos colectivos pola Memoria, como a Iniciativa Galega pola Memoria e a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (verdadeira pioneira na loita por Meirás), concellos, como a Coruña e Sada (este último decisivo cando conseguiu, na época de Abel López Soto, a declaración de BIC que xestionou a Consellaría de Cultura na etapa do bipartito), universidades, RAG e persoas expertas na materia para axudar a mudar o rumbo da historia. Decidimos constituír a Xunta pro devolución do Pazo e acordamos encargar informes históricos e xurídicos para divulgar a verdade e procurar solucións á ilexítima ocupación de Meirás.

Mentres, a mobilización social continuou. Un grupo de persoas (@s 19 de Meirás) realizaron unha acción reivindicativa para denunciar o roubo. A foto deste grupo de activistas nacionalistas, aínda pendentes de xuízo, deu a volta ao mundo.

Era moito o entusiasmo e tivemos un gran punto de partida: a colaboración incondicional de Carlos Babío e Manuel Pérez, que axiña publicarían a extraordinaria investigación Meirás. Un pazo, un caudillo e un espolio, que a Fundación Galiza Sempre se encargou de publicar e socializar. Fundamental foi contar con documentos e probas contundentes para obter un rigoroso informe histórico (que realizou un equipo coordinado por Emilio Grandío) e outro xurídico (a cargo de Xabier Ferreira). Un avance destes informes presentouse no mes de novembro no pleno da Xunta pro devolución do Pazo, con ducias de concellos e entidades adheridas.

Os informes da Deputación, entregados en febreiro de 2018, foron pioneiros en adiantar conclusións: Meirás fora sempre a residencia de verán do ditador, ese agasallo tiña como destinatario o xefe do Estado e a venda de 1941 fora simulada co obxectivo de saltar a Lei de Patrimonio Nacional, de 1940 e conseguir que Meirás acabase sendo propiedade dos Franco. Non podía existir tal venda porque xa se fixera en 1938. Houbera unha trama para deixar todo ben atado.

E como a divulgación do espolio era unha prioridade realizamos un documental explicativo. Porque a verdade non podía ficar encerrada.

Após este traballo, e tras conseguir a unanimidade para instar ao Estado a exercer as accións administrativas e xudiciais para recuperar o Pazo, dirixímonos a diferentes instancias políticas e, por iniciativa de Ana Miranda, chegamos até o Parlamento europeo.

En xullo de 2018 prodúcese o acordo unánime do Parlamento galego para pedir a recuperación do Pazo e un ano despois a avogacía do Estado presenta a demanda.

A sentenza do pasado 2 de setembro é histórica, porque por primeira vez se declaran non válidos os negocios do franquismo, ao tempo que se abren as portas para pór en cuestión algúns dos patrimonios creados durante a ditadura, de que continúan a ser beneficiarias familias do réxime.

En tempos en que a extrema dereita quere ilegalizar organizacións democráticas como o BNG, continuamos a lles dicir, máis unha vez, que non lles temos medo e que, tras este proceso, que aínda será longo, seguiremos a demandar a recuperación das estatuas do Mestre Mateo, a Casa Cornide, as pías bautismais de Moraime, algúns elementos simbólicos do desmantelado Pazo de Dodro?

Tres anos xa daquel verán de 2017, tres anos xa tamén, neste 12 de setembro, sen Xohana Torres, aquela que dixo que "non somos máis que o recordamos". Pois iso.

Exvicepresidenta da Deputación da Coruña e concelleira de Santiago