A pandemia, as restricións sanitarias, os peches perimetrais, o medo ao contaxio en actos de concentracións e manifestación, levaron a un grupo de mulleres de Oleiros, de todas as idades, a constituír un grupo propio do movemento Galegas 8M, que leva tempo organizando actividades e preparando unha mobilización no propio concello, e sobre todo con todas as precaucións sanitarias para que ninguén deixe de participar. Será o luns ás 19.30 horas na praza Esther Pita de Santa Cruz.

“Un grupo de nós íamos sempre ás concentracións na Coruña pero vimos que moitas mulleres ao mellor non ían este ano, por ser unha concentración con moita xente e podían non sentirse seguras. Por iso nos organizamos, estivemos facendo asembleas virtuais coas que fixemos xa varias actividades que propuxeron. Estas asembleas tiveron moito éxito de participación, o que nos sorprendeu. Convocamos para 150 persoas”, explicou unha das responsables deste Galegas 8M Oleiros, Sonia Ínsua.

A preocupación por contar coa máxima garantía sanitaria é tal que estiveron onte facendo un ensaio e poñendo no chan marcas de ubicación que foron medidas con Google Earth para ter máis precisión nas distancias entre asistentes. Neste acto vaise ler o manifesto oficial por parte de tres mulleres de tres xeracións diferentes. Tamén lerán un comunicado rapaces das casas da xuventude a favor da igualdade.

“Nestes días previos tamén fixemos actividades individuais, un día colgar lazos violetas na rúa, outro vestir de violeta e colgar as fotos nas redes sociais, outro día foi para poñer os nosos referentes feministas, tamén para escoller a frase favorita das manifestacións do 8-M, e outra era facerse unha fotografía nalgúns dos catro puntos selfie (Bastiagueiro, Santa Cristina, Nós e Mera) que instalaron no concello, e difundir as imaxes nas redes sociais”, contou Ínsua.

O comunicado oficial deste ano fala da obriga de “repensar” as accións pola pandemia e os esforzos ante as limitacións para non ficar caladas. Os coidados veñen de novo a ser o eixo e tamén a “trampa” do traballo a distancia “como fórmula ideal de conciliación”.

O Concello de Oleiros xuntou feminismo e galego nunha campaña na que contou cos escolares para deseñar material e lemas. No 8 de marzo: todas, todos e todes, é o lema da campaña que lanzou para elaborar material educativo co obxectivo de fomentar a consciencia feminista e trans incluínte entre o estudantado, así como promover o uso da lingua galega desde unha conciencia social e responsable que partirá da creatividade dos mozos.

Desta convocatoria xurdiu a elaboración de chapas, bolsas de tea e mochilas que levan frases elixidas entre as propostas que fixeron os escolares, en distintas categorías do ensino desde Primaria hasta ESO e bacharelato. Son o núcleo, non só a coida; Nin Norte, nin Sur, nin Leste, nin Oeste, eu farei o meu punto cardinal; Non é o meu corpo, senón a atúa mirada; e O que ves non define quen es, son as catro fraes elixidas (tres feitas por rapazas e unha dun rapaz) para estar esta material que se pretende que se luza con orgullo non só o 8 de marzo senón todos os días do ano.