Membros do BNG, entre eles a deputada Mercedes Queixas, estiveron onte na minicentral da Castellana, entre os concellos de Aranga e Curtis, para reivindicar que sexa recuperada para a xestión pública ao estar en trámite de extinción da concesión, o que tamén pediu para as infraestructuras similares do río Zarzo, de Güimil e de Fervenzas.

O Bloque demanda que se exingan estas concesións e se aposte pola “xestión pública ou a súa eliminación nos casos en que o impacto ambiental así o aconselle”.

A formación demandou que se recuperen estas minicentrais “como parte dun deseño enerxético propio” para “reverte a situación actual” na que Galiza subministra enerxía ao centro do Estado mentres nin a comunidade nin as zonas afectadas “obteñen compensación ou beneficio”. Galiza produce, Madrid consume, foi de feito o lema que exhibiron nunha pancarta no acto de onte.

Os nacionalistas queren que se deseñe unha “estratexia enerxética propia” orientada ao aproveitamento dos recursos dentro da nosa comunidade, para posibilitar “o crecemento económico”.

Denuncian que se explotan a maior parte destras centrais mediante concesións que “nalgún caso poderían superar os 160 anos” e que responderon a decisións políticas discrecionais usando un ben público. O BNG presentou unha iniciativa sobre o tema no Parlamento galego.