Profesoras, poetas, xuízas de paz, futbolistas, investigadoras en intelixencia artificial, dinamizadoras da vida social e cultural, pintoras,políticas, administrativas. Talento feminino nado no municipio de montaña de Curtis que o Concello homenaxeou cunha publicación que recolle a traxectoria de catorce mulleres que contribuiron e contribúen a que a sociedade medre e mellore, e que se presentou onte, Día da Poesía, Día do Libro, no comezo da primavera, co Día da Muller aínda recente. Dez das catorce mulleres estiveron presentes.

“Catorce mulleres con coraxe, sabiduría, independencia. Catorce mulleres libres”, sinalou o alcalde, Javier Caínzos, nos actos que se festexaron tanto na praza de Teixeiro como na carballeira de Curtis, onde ademais se inaugurou unha curiosa exposición: retratos das homenaxeadas e textos bio-bibliográficos en dados xigantes, ilustrados, ao igual que o libriño, por unha rapaza de Irixoa, Marina Seijas. “É un orgullo facerlles esta homenaxe”, apuntou a concelleira de Igualdade Eva Lata.

A poeta, ensaísta, crítica de arte e escultora Ánxeles Penas foi quen abriu o acto en Teixeiro lendo un anaco dun dos seus poemas e lembrando que era tamén un recoñecemento “ás nais, ás avoas, ás traballadoras do agro”.

“Eu nacín aquí, na primeira droguería que houbo no pobo. Sempre tiven moitísimo sentimento da terra, a miña poesía é moi telúrica”sinalou Penas, que publicou os seus primeiros poemas da man de Carvalho Calero. No acto na Carballeira de Curtis falou a tamén poeta, xornalista e crítica literaria Lupe Gómez, muller humilde a pesar dunha traxectoria chea de premios, arredor dunha ducia, e outros tantos libros, dende que iniciou a súa carreira cun poemario innovador e transgresor, Pornografía.

“O traballo da muller do rural moitas veces é invisible. Na miña obra sempre destaco que están camufladas, sen darse importancia. Son mulleres auténticas”, subliñou Gómez. “É un gran honor formar parte deste libro”, dixo a poeta que tamén leu fragmentos da súa obra na súa intervención, na que lembrou os mestres que tivo e a nenez en Fisteus.

No acto interveu tamén, con paixón, a que foi primeira concelleira de Goberno no municipio, Ana Mahía, que sinalou que as que estaban no libro eran unhas poucas que representaban a moitas e lanzou un consello á muller: “Cando o camiño se tupe, fouciño”. Mahía foi a que impulsou o Centro de Información á Muller (CIM) de Curtis, un “punto de inflexión” na vida do concello, como recoñeceu o rexedor.

“Dende que eu comecei avanzouse moito, agora hai convenios, un soldo, Seguridade Social. É moi difícil conciliar coa vida familiar. Esta homenaxe paréceme moi boa idea porque hai moita xente daquí que descoñece a traxectoria ou a que se dedican moitas mulleres, e dase a coñecer o seu traballo”, explicou Dolores Sánchez, que con 17 anos converteuse en profesional do fútbol e co Burela acadou o ascenso á máxima categoría e o título de Liga e Copa de España.

“Eu fun mestra corenta anos, deille clase a media poboación. Este acto parecéme fantástico, unha maneira de recoñer a moitas a través de unhas poucas”, contou Ángela Isabel Pérez, máis coñecida como Gelines. “Encantoume. E os discursos de todas, moi axeitados”, engadiu Carmen Vilariño, mestra ata que se xubilou en 2016 aínda que sempre co soño de ser xornalista, e que actualmente preside a xunta local da Asociación do Cancro da localidade.

O libriño recolle a traxectoria doutras mulleres do rural. Como unha moza científica de gran proxección, Beatriz Remeseiro, nada en Curtis en 1985, que estudou enxeñería informática, é doutora en Computación e actualmente está na Universidade de Oviedo onde desenvolve novas técnicas de intelixencia artificial.

María Antonia Dans, a gran pintora que viviu en Curtis,medalla da vila e do Museo de Arte Moderno de París, que ten pintado a feira e os prados de Curtis.A súa filla Rosalía Dans, pintora e actriz que estivo en series coma Las aventuras de Pepe Carvalho ou a película mítica Amanece que no es poco, de Cuerda.

Maricarmen Mahía foi a primeira muller xuíz de paz. Victorina Núñez, pioneira do asociacionismo feminista e fundadora da Asociación de Amas de Casa de Teixeiro e impulsora de agrupacións de gaitas e de grupos de baile (faleceu recentemente). María Díaz tamén impulsou a vida social do municipio dende a asociación de amas de casa. Raquel Seoane, administrativa do servizo de augas municipal e imulsora da Asociación de Mulleres A Carballeira.E Mercedes Espiñeira, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Santa Eulalia.

A publicación vai nun formato de viñeta que será máis atraente para os escolares do municipio que van traballar con este material ao falar de temas como feminismo e igualdade.