A organización do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía do Concello de Arteixo anunciou os finalistas deste ano tras admitir 70 traballos e xa prepara a cerimonia de entrega de premios, que se celebrará o próximo 14 de maio, cando será confirmado o gañador. O acto contará coa actuación musical de Xurxo Souto, quen ademais conducirá o acto. O evento incluirá tamén unha lembranza da figura de Xela Arias, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Esta é a trixésima edición. O coordinador, Alfredo Ferreiro, analiza a situación deste concurso literario.

Leva cinco anos como coordinador do certame Manuel Murguía, que valoración fai do seu traballo neste tempo?

Eu chego a un premio que leva 25 anos de percorrido. É un privilexio chegar a algo tan consolidado que está funcionando como unha maquinaria precisa. Eu chego coa intención de aportar algunhas cousas. Aportei ideas para facer un evento de entrega de premios máis dinámico. Antes era un evento máis tradicional e agora é máis gala. Unha cousa que si propuxen e se me fixo caso é a composición do xurado. Eu propuxen que un dos membros do xurado fose da Asociación Galega da Crítica, de tal modo que houbese una colaboración dunha asociación de escritores e de críticos. Para que houbese máis pluralidade. Ademais do xurado, dos catro somos un xurado paritario.

En que situación está o certame, que chega á edición número 30?

Nos últimos anos subiu a contía dos premios e este ano volveu subir. Se non recorda mal, son 4.000 euros para o primeiro, 2.000 para o segundo e 1.000 para o terceiro. Co cal hai unha aposta por animar aos autores e coñecer o seu traballo.

Está o certame no seu mellor momento?

Dende logo está nun dos seus mellores momentos. Nós temos habitualmente arredor de 70 obras. Está moi ben dotado. Ten unha gran traxectoria. Ter esta dotación económica, publicar nunha colección como Galaxia, ter un xurado de calidade, uns bos premios e o prestixio de 30 anos... a min me parece que non é fácil de conseguir. Dende logo este certame é dos máis antigos.

Hai marxe de mellora?

Sempre hai marxe de mellora. Dende logo que si. O que pode aportar un premio consolidado con 30 anos é difícil que o poida aportar un que leva dous anos polo prestixio que ten. O prestixio non se pode comprar cunha fórmula nova. Ese é un traballo de tempo.

Diría que o Manuel Murguía é un dos premios máis prestixiosos de Galicia?

Sen duda algunha. Estivo moi ben planteado dende o principio. Ademais ten outra cualidade. É realmente moi libertario. É un certame absolutamente literario, porque a normativa escrita do galego nunca se cuestiona, é dicir, aquí se publica na normativa que se mande. Pode ser algo que para moitos está identificado como portugués, como galego-portugués, como galego e outros que simplemente poderían chamarse normativa oficial. Hai liberdade absoluta dende a súa fundación. E se mantén. Para min é un dos estandartes do premio que o que demostra é que aquí nos fixamos na cuestión literaria, non estamos facendo política lingüística. Ese é outra batalla, outra batalla respectable e que non digo que non sexa importante. A lingua é importante. Sen literatura non se dignifica a lingua. Non é esa cuestión de lingua e literatura. Isto é esencialmente literario.

E ademais aporta diversidade.

Xente do reintegracionismo é habitual nos premios.