“Hai que manterse activo, se nesta idade te rendes, quédache un suspiro. A actitude na vida escóllela ti. A min o Concello dáme a vida, tenme moi entretida”. Que o diga Rosa Romero, porque ninguén máis ca esta antiga mariscadora a quen a filla lle ensinou a ler e a escribir vai explicar mellor nin con máis sentido común e intelixencia emocional o que supón ter unha participación activa na sociedade despois da xubilación, que as vivencias dos maiores importen, que sean escoitados e que se sintan cheos de vida. Conségueno con proxectos como Cociña e Barro, un traballo dos obradoiros de memoria do programa de envellecemento activo do Concello de Oleiros no que aprenderon oleiría e a historia das telleiras, recuperaron receitas tradicionais das súas casas e cociñáronas ao xeito tradicional, en olas de barro, para dar a luz a un libro de cociña que se presentou o pasado mércores no Alfaroleiros.

Irene Pando. | // CONCELLO DE OLEIROS/DAVID BALADO

Un polo sentado, un costelar ao mel e á alfábega, patacas á importancia, sopa de troita, paspallás en escabeche, papanduxos, crema torrada e ata un pan de trigo feito en fonte de barro no forno, son algunhas das sabedoras receitas que entran polos ollos, presentadas e contadas por estas mulleres do taller de memoria no libro Cociña e Barro, no que comezaron a traballar en 2018 e a pandemia alongou ata agora.

Herminia Baleato. | // CONCELLO DE OLEIROS/DAVID BALADO

“Foi unha experiencia única. Mulleres coma min que, con catro fillos, de nova nunca tes tempo, pero isto demostra que nunca é tarde, que non todo ten que ser traballar. O Concello dounos a oportunidade, se preocupa. As netas ao velo quedaron alucinadas, non o cren, levaron un libro para a outra avoa de Zaragoza”, conta Beatriz Carro, outra das mulleres deste obradoiro que rescatou a cociña de antes, en potas, cazolas, pucheiros, fontes e tarteiras de barro, un xeito de cociñar a lume lento que da outro sabor.

Mª Rosa Romero. | // CONCELLO DE OLEIROS/DAVID BALADO

“Antes non había nada de aceiro, todo se facía en barro, e cando rompía do uso poñiámoslle unha planta e tiñas unha maceta, tiñamos macetas por todos os recunchos. Miña nai metía chourizos en graxa en cazolas de barro para conservar, e as castañas cocían nunha cazoliña de barro. As receitas que fixemos, que as probamos todas, estaban riquísimas. Unha señora fixo un pan en cazola de barro extraordinario”, engade Beatriz, que ademais do taller de memoria está nunha coral e vai a ximnasia, entre outras actividades.

Carmen Jul. | // CONCELLO DE OLEIROS/DAVID BALADO

“O traballo nas clases de memoria, oílas falar, esas historias de vida, como interactúan entre elas, é un traballo interdisciplinar marabilloso”, subliña a concelleira de Servizos Sociais, Belén Taboada, destacando o feito de que esta actividade de rescatar receitas e logo cociñalas xuntas, falando e rindo, é como mellor se adestra e potencia a memoria pero tamén a comunicación, as relacións persoais, que alonxan o illamento, a soidade, e prolongan a vida de calidade.

Elena Eiroa. | // AYTO.OLEIROS/DAVID BALADO

Nesta iniciativa participou Visitación García, que aportou moitas das receitas porque foi cociñeira profesional durante máis de trinta anos, cun restaurante que tivo en Santa Cristina. “O barro conserva máis o calor e o sabor porque se fai a comida pouco a pouco e é máis rica. Coas cociñas de agora non sabe igual. Indo a estas clases de memoria e a ximnasia, estou entretida, non estou soa na casa. Hai anos que vou e estou encantada. Eu nunca pensei de facer esto, un libro. De moza traballas e tes fillos e non hai tempo. Eu son de Valladolid pero levo en Oleiros sesenta e seis anos. Teño un fillo chef en Alicante que aprendeu de min, Jesús Feliciano”, destaca Visitación.

María Martínez. | // AYTO.OLEIROS/DAVID BALADO

“É unha actividade feita entre Servizos Sociais e o Museo Os Oleiros, con 16 cociñeiras e 29 receitas. Tamén deste xeito a xente se vincula co museo, ve que é algo vivo. Editáronse 3.000 exemplares que se van distribuír entre as bibliotecas municipais, as escolas, centros municipais”, conta a coordinadora da iniciativa, Élida Rodríguez.

Mª del Carmen Montero. | // AYTO.OLEIROS/DAVID BALADO

“Foi unha experiencia estupenda, houbo moi bo ambiente, disfrutei moito. Eu fixen a receita do polo sentado porque o meu marido traballou na Guardia e eu vía a cazola de barro coa peza no medio e non sabía para que era e dixéronme que en Portugal se chamaba polo follado. Eu fíxena con viño pero pode facerse con cervexa. Encántame cociñar pero facelo ben require moita paciencia e tempo. Hai anos todo se facía en barro e sabe mellor. O Concello mira moito polos maiores e polos nenos. Miña nai aprendeu a nadar aos setenta anos”, explica Pilar Viña, que xa está pensando receitas para o seguinte libro de cociña.

Victoria Pazos. | // AYTO.OLEIROS/DAVID BALADO

“As xuntanzas entre as participantes (...) supuxo unha satisfacción para elas, ao poder compartir ideas de cociña, aprender trucos unhas doutras, compartir inquedanzas...Ademais de reforzar a súa reflexión, a atención e a concentración, tamén favoreceu a comunicación e a interacción entre as participantes, e como non, o desenvolvemento dos sentidos e o entretemento”, dise no libro.

Matilde Quintáns. | // CONCELLO DE OLEIROS/DAVID BALADO

“Quedou precioso e é moi práctico para ler mentres cociñas. Pasámolo en grande, houbo moitas risas. Ao cociñar en barro usas menos aceite e fas a comida máis despacio e todo sae máis rico”, asegura Rosa Romero, que ademais dos obradoiros de memoria vai a ioga e ximnasia e ás excursións do Concello. “Gústame máis que o Imserso, porque alí van máis maiores e abúrrome porque non me seguen o ritmo, eu fago dez ou doce kilómetros andando ao día”, engade Rosa, que foi limpadora e mariscadora e que agora de xubilada forma parte tamén doutra iniciativa, grupos de maiores que percorren as escolas do municipio para darlles charlas aos alumnos e contarlles como era a súa infancia e os traballos de antes, nunha iniciativa interxeracional moi enriquecedora para os maiores e para os novos.

Beatriz Carro. | // CONCELLO DE OLEIROS/DAVID BALADO

“Lévolles ferramentas e marisco, ameixa fina e babosa e berberecho para que distingan. Despois venme pola rúa os nenos e saúdanme, coñécenme. É moi gratificante. Hai que ter sempre algo na mente, unha ilusión, non só comer e traballar”, sentencia Rosa.

Sacramento García. | // CONCELLO OLEIROS/DAVID BALADO

Antonia Fraga. | // CONCELLO DE OLEIROS/DAVID BALADO

Mª López Valiño. | // CONCELLO DE OLEIROS/DAVID BALADO

Mª Luz Gómez. | // CONCELLO DE OLEIROS/DAVID BALADO

Visitación García. | // CONCELLO DE OLEIROS/DAVID BALADO