O salón de plenos do Concello de Bergondo acolleu esta mañá de sábado o acto de entrega do premio do II Concurso de Poesía Filomena Dato que organiza o Concello de Bergondo. Lucía Durán Paredes é a autora premiada nesta ocasión con Cartografía dos nomes. Durante o acto tamén se procedeu á presentación da obra gañadora o ano pasado xa editada. Trátase de Ave do Paraíso de Lorena Conde.

Lucía Durán é unha nova voz que emerxe na poesía galega a través desta iniciativa bergondesa, destaca o Concello. O xurado valorou no texto “a súa voz xenuína e a honestidade nun orixinal no que destaca a limpeza e a emoción” e o interese da autora por “dar voz a personaxes que moitas veces non a teñen”. Un punto no que incide a galardoada: “Quixen darlle voz á xente que case nunca ten voz. A xente marxinada”, sostén.