A escritora cambresa Andrea Maceiras (Pravio, 1987) acaba de recibir o premio Rosa dos Ventos, que outorgan os estudantes, descendentes de galegos, do colexio Santiago Apóstol de Bos Aires. Entra así na lista de galardonados que xa nutren Manuel Rivas, Víctor Freixanes ou Ana Peleteiro. Aínda que, para ela, recibir o recoñecemento dos que son os destinatarios das súas obras e saber que gardan co mesmo agarimo que ela o encontro que mantiveron na capital arxentina hai catro anos son os maiores premios.

Noraboa. Como recibe o recoñecemento?

Cunha ilusión enorme porque é un premio dado por lectores e lectoras, ademais adolescentes, e por todo o que implica de cómo foi todo o proceso do premio.

Como foi?

No 2017, eu viaxei a Bos Aires coa delegación da Xunta que ía facer a representación de Galicia na feira do libro da cidade, a 43 feira do libro. Xa de por sí foi unha experiencia moi emocionante coñecer a cidade, a feira do libro, que é enorme e incrible. Dentro das actividades, tiven a fortuna de compartir unha conversa e charla con rapaces do colexio Santiago Apóstol. Quedei moi impresionada daquela experiencia, porque eles eran incribles, sorprendeume moito escoitalos falar galego con tanta naturalidade, con ese acento porteño. Foi unha experiencia extraordinaria, difícil de imaxinar para min aquí, moi distinta do que esperaba. Conversamos e compartimos un anaco moi bonito de tempo. Amosáronse moi curisosos, intersados, eran simpatiqúisimos, intelixentes e moi lúcidos. Naquel momento estaban empezando o que para nós sería Secundaria e agora que rematan a súa etapa do que é Bachalerato alí, que lembrasen co mesmo agarimo ca mi aquel encontro é unha experiencia que non ten prezo.

Súmase vostede á lista de premiados xunto a Manuel Rivas, Víctor Freixanes, Carlos Núñez, Fina Casalderrey ou Ana Peleteiro. Que supón para vostede compartir premio con estas figuras?

Son grandes voces da cultura e moi representativas da cultura galega. E sumarse a esa listaxe tamén é unha experiencia moi significativa e moi ilusionante. Que o recoñecemento é doble nese sentido. Pero xa que veña por lectores e que catro anos máis tarde lembren con tanto agarimo coma min e chege esa nova do outro lado do océano é ilusionante.

Destacan na concesión do preimo “o traballo que a escritora desenvolve a favor de Galicia, o seu incesante labor divulgativo entre as novas xeracións e a defensa comprometida da lingua galega”. Comparte esta visión? Que cree que aporta á lingua galega?

Eu creo que o nome do premio é moi significativo. Chámase Rosa dos Ventos. Supoño que o que premian é que dalgún xeito se estableza unha dirección ou ruta aseguir e por iso me faita tanta ilusión, por inesperado, porque foi unha descuberta que lembro con todo o cariño do mundo e porque non esperaba que eles lembraran co mesmo afecto e polo que significa. Estamos a falar de descendentes de galegos e que valoren así o meu traballo, non sei... Non hai premio máis grande que o que dan os lectores, e máis si é porque lles gustaron as obras, porque a miña conversa dalgún xeito lles insipirou. Creo que é o premio, poder inspirar a outras persoas no que a min me gusta e eu valoro.

Quizais inspirar é o que vostede aporta?

Sí, quizais simplemente esa inspiración, amor pola lingua, pola cultura e pola literatura. Que máis premio hai que ese, que recoñezan ese traballo precisamente os lectores aos que vai dirixido? Porque eu son escritora de infantil e xuvenil. Non hai máis recoñecemento.

Destacan a súa contribución á loita en pos da diversidade e a tolerancia, os dereitos das mulleres e diversas causas sociais actuais. ¿Que lle gustaría inculcar aos seus lectores máis novos?

Non se trata de inculcar nin mandar unha mensaxe pechada, dende logo non é iso o que eu pretendo, senón o contrario: abrir novos horizontes de cara á reflexión. Ao facer litetatura infantil e xuvenil, moitas veces aparecen temas vinculados a estas idades e á sociedade na que viven, neste caso os adolescentes. O que busco é máis en incentivar á descuberta.

Vostede é de Cambre, Pravio. Que hai do seu municipio ou da súa vida nel na súa traxectoria ou obra?

Eu penso que sí, que sempre está aí, pero, sobre todo, eu comecei a escribir presentándome aos certames literarios do Concello de Cambre, que convoca anualmente un certame de relatos, de narrativa e de poesía destinado a novos creadores, e quero destacar iso. Ese labor é imprescindible e, para min, supuxo un pulo moi importante presentarme a este premio e ter a fortuna de gañalo en varias ocasión, porque sí que marcou o feito de que de eu me adique a escribir actualmente.