O doutor Manuel Calvelo López foi fusilado en 1936 aínda que o parte oficial dicía “hemorraxia interna”. A súa muller Isabel Ríos Lazcano, nada en Curtis en 1907 e falecida en 1997, foi condenada a sete anos en cárceres franquistas ata que fuxiu a Arxentina cos dous fillos do matrimonio. Alí sufría a ditadura tamén, e despois de novo ao marchar a Chile. A súa vida contouna nun libro, Testemuño da Guerra Civil, que agora a editorial Galaxia reedita de novo dentro da Colección Memoria Histórica. O volume presentarase o próximo mércores 9 de febreiro no restaurante Express de Curtis ás 19.00 horas.

Nesta presentación contarase coa presencia dun dos fillos de Isabel Ríos, Manuel Calvelo, que vén expresamente dende Chile onde vive para este acto. Manuel xunto co irmán Roberto, residente en Oviedo, sumáronse en 2014 á querela admitida a trámite pola xuíza María Servini de Arxentina para investigar os crimes da ditadura franquista. Os dous irmáns tamén son recoñecidos internacionalmente por ter traballado para a ONU en accións de fomento da educación entre os máis pobres. Xunto a Manuel Calvelo estarán na presentación o comunicador Antón Ferreiro e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro.