O Concello de Oleiros organizou para mañá mércores no teatro das Torres de Santa Cruz unha charla e coloquio sobre as fábricas de tella e ladrillo que houbo hai anos no municipio, sobre todo na zona da Gándara, limítrofe con Cambre, pero tamén na localidade de Mera, onde aínda se conserva a cheminea dunha antiga fábrica (que foi punteira en Galicia).

A cita será as oito da tarde e con entrada libre. Participarán a investigadora e experta en explotacións de tellas e ladrillo Ánxeles Verea (que sacou unha publicación sobre esta materia), e Manuel Lara de Buxa, a Asociación Galega do Patrimonio Industrial.

Os asistentes tamén poderán escoitar a valiosa testemuña de Valentín Revella, un dos telleiros que traballaron arredor da Gándara, en Cerámicas Rioboo, e que coñece as duras condicións de traballo deste oficio nos seus inicios, ao traballar dende moi neno.