O Grupo Naturalista Hábitat e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo escollen como especie do ano para este 2022 a coñecida como señoriña dos brañais (euphydryas aurinia), unha bolboreta de cores alaranxadas. A primeira actividade na que se reivindicará e afondará nesta especie será unha xornada de difusión este sábado en Arteixo.

Prados húmidos, zonas de sotobosque próximas a regatos, claros ou marxes de áreas boscosas son algúns dos diversos hábitats nos que se poden atopar estas bolboretas. O Grupo Naturalista Hábitat, da man da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos —entidade xestora da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo—, promove a iniciativa Especie do Ano para “fomentar un maior coñecemento sobre a biodiversidade en xeral, e da elixida como Especie do ano en cada campaña en particular, co obxectivo de coñecer e respectar o patrimonio natural” propio, explica a entidade. Cada ano, Hábitat nomea un protagonista, ao redor do cal xiran unha serie de iniciativas, como a edición dun tríptico divulgativo, a organización dunha xornada de conferencias con expertos ou a recollida de información no marco coñecido como Ciencia Cidadá.

Na xornada adicada á señoriña dos brañais que se inaugurará a programación do ano adicado á especie, expertos abordarán curiosidades sobre esta bolboreta e explicarán como se pode contribuír a conservala. Tamén se tratarán cuestións en xeral sobre as bolboretas e os polinizadores.

Os poñentes serán: o doutor en Bioloxía e gran coñecedor da señoriña dos brañais Constantí Stefanescu; o doutor en Bioloxía, profesor universitario e director do grupo de divulgación científica Divulgare, Luis Navarro; o biólogo experto en lepidópteros Juan Pablo Cancela; o naturalista e coordinador do programa de seguimento de bolboretas diúrnas en Galicia, Saba González; e o naturalista e colaborador de asociacións relacionadas coa conservación de bolboretas José Rodrigo.

A xornada será na Aula de Naturaleza Muíño Vello, en Arteixo, de 09.30 a 14.30 horas. Será con acceso gratuíto e prazas limitadas. Os interesados deben inscribirse con antelación na web www.gnhabitat.org. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación.

Bolboreta en macetas na Coruña, hai dúas semanas. | // M.V.

Unha bolboreta no medio da Coruña: o que pasa cando sacas plantas e non terrazas

Canto tempo hai que non ves unha bolboreta no centro da cidade da Coruña? Cada vez é máis difícil ver unha, hai especies coma a monarca declarada en perigo de extinción. Hai dúas semanas no casco urbano coruñés, na praza de San Agustín, algúns puideron ver unha das especies máis comúns en Galicia, a Vanessa Atalanta. Ía de flor en flor entre as macetas de ciclamen. É o que ten sacar plantas e árbores á rua no canto de terrazas.