A aposta polo “risco escénico, pola creación emerxente”, en colaboración con artistas de Galicia e vinculada á temática social, co obxectivo de “construír país arredor da cultura”, é o singular espectáculo que se poderá ver este sábado 29 de octubre ás 20.30 horas no auditorio Gabriel García Márquez de Mera gracias á compañía viguesa ButacaZero, que porá en escena Papagena, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas.

Será unha das poucas ocasións en que se poida ver unha ópera electrónica contemporánea, de pequeno formato, e en galego, pero tamén con perspectiva de xénero, como sinalan dende a compañía. Papagena narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. A soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes actúan acompañados por Iago Hermo, compositor da óperta e do libreto, ademais de director musical da peza.

Esta ópera electrónica está inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica de Mozart. Os directores Castiñeira e Carrodeguas pretenden afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística pero tamén queren rachar con outras percepcións asociadas ao mundo da lírica, como a linga, os espazos de representación, o público ou o formato. ButacaZero sinala que esta peza, que despois viaxará a outras localidades, é un espectáculo” musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo”. As entradas xa están á venda, a 4 euros máis gastos de xestión na web ataquilla.com.