Traballos da Real Academia Galega e da Xunta están a recuperar nomes tradicionais de lugares, de recunchos, de leiras, de núcleos, nomes que pasan de xeración en xeración pero que ás veces desaparecen. Onte no auditorio da Fábrica houbo unha charla sobre a toponimia en Oleiros do filólogo Vicente Feijoo dentro da iniciativa de recuperar a toponimia Galicia Nomeada. O grupo municipal do BNG, no pleno do pasado xoves, propuxo potenciar este traballo en Oleiros, a través dos obradoiros de memoria cos maiores, entre outros. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, respondeu ante esta proposta que o Concello de Oleiros sempre foi pioneiro nesta materia e xa se recuperaran moitos topónimos tradicionais.

García Seoane incluso citou dous topónimos a modo de exemplo destes nomes tradicionais: “Viñas do Inferno, porque debía de ser un inferno ir a esas viñas; e Pousa Rabos, porque era un sitio ao que ían defecar. Nós sabemos de recuperar nomes, témolos recollidos”, declarou. En Oleiros tamén hai outros nomes curiosos, entre eles Xardín de Gómez, Muíño do Pedro, Boi de Canto, Regueiro Oscuro, rúa da Besta ou Camiño das Fabas.

O PP, nesta mesma sesión plenaria, tamén lle fixo outro rogo ao rexedor, o de “democratizar” os medios de comunicación locais para que tamén puidesen intervir os grupos da oposición, unha queixa que tamén levaron á Valedora do Pobo. Seoane replicou que ía aplicar o mesmo que a Xunta aplicaba na Radio Televisión de Galicia pública, “onde non deixan entrar a ninguén, nin sindicatos, nin concellos coma Oleiros que só saen cando é algo malo”. Tamén os propios xornalistas da TVG se manifestan dende hai anos para reclamar imparcialidade nas novas.