María Rei Vilas (A Laracha, 1964), profesora de Bioloxía e Xeoloxía no Agra de Leborís, vén de recibir o Premio Literario San Clemente Rosalía-Abanca, na categoría literatura galega, pola súa primeira novela, Flores de ferro, editada por Galaxia e que obtivo xa o premio García Barros 2020.

O xurado, formado polo alumnado dunha decena de centros galegos, quedou cautivado por unha historia “moi complexa” cun destacado protagonismo feminino: un retrato de mulleres loitadoras nun contexto especialmente duro, a Guerra Civil e a ditadura.

Non moitos profesores poden presumir de que o alumnado lles conceda un premio....

(Ri)Si, iso foi o máis emocionante, porque eu levo trinta anos no ensino, eh.

Trinta anos xa?

Si, trinta anos xa. E o feito de recibir este premio de alumnado de Bacharelato o fai moito máis emocionante aínda. Faime especial ilusión por vir do alumnado e porque a novela conecta coas xeracións que veñen detrás, que era o que pretendía cando a escribín. Sempre tiña en mente que a puideran ler rapaces e rapazas novas; cando a escribía pensaba nas miñas fillas e no meu alumnado.

Profesora de Bioloxía, autora de libros de texto e guías didácticas, que foi o que a animou a dar o salto á ficción, á narrativa?

Nunca o pensara, a verdade. Foron circunstancias da vida, historias que se che van quedando dentro e que me apetecía contar. Escribir non se me daba mal, o que tiña que aprender era a técnica narrativa e dediqueime a formarme durante uns anos, non pense que cheguei e escribín unha novela, para nada, eu téñolle moito respecto a literatura.

E que fixo para formarse?

O que puiden desde A Laracha. Hoxe afortunadamente grazas a internet podes acceder a un montón de formación online. Dediqueime a meterme no mundo da literatura, a aprender técnica narrativa, relato, estrutura de novela, que é un mundo aparte... E cando me vin con forzas, fun escribindo. Foi nunha época na que tiña a miña nai enferma; de feito ela non chegou a ver a novela publicada e tiña como o sentimento dun mundo que desaparece, o da miña nai, as miñas tías e avoas... e que as miñas fillas non sabían nada dese mundo.

Un mundo duro, o da Guerra Civil e a ditadura...

Si, pero a novela non vai da Guerra Civil para nada. O que pasa é que ese é o contexto no que medrou a miña nai, viviu a miña avoa… as mulleres das xeracións que me precederon. Ese é o contexto, a Galiza rural. Non hai heroes, non hai heroínas. O que quería era contar como foi a vida desas mulleres que nos trouxeron ata aquí, como sobreviviron nese contexto, dobremente silenciadas, pola ditadura e por ser mulleres. E quería facelo dunha maneira que chegase á xente, sobre todo ás novas xeracións, e por iso faime tanta ilusión este premio.

A hora de crear os personaxes e de ambientar a novela, inspirouse moito nas mulleres da súa familia e do seu entorno?

Non hai persoas reais na novela, son personaxes, pero si hai trazos de moitas persoas, e espazos que son perfectamente recoñecibles, aínda que non quixen situar a historia nunha vila real porque me condicionaba moito cinguirme aos feitos históricos desa vila en concreto. É unha cousa curiosa, porque cada lector leva os feitos ao seu territorio. Vou a Lugo e dinme: “Isto é una vila de aquí de Lugo, verdade?” Vou a Ourense e pensan que é alí, e eu, en realidade, estaba pensando nunha mestura entre Carballo, Laracha, Paiosaco… Están a feira das cereixas e moitas cousas que son de aquí da nosa zona. A cidade, por suposto, aínda que non a nomeo, é A Coruña.

É curioso que unha novela ambientada na ditadura conquistase a un xurado de xente moza...

Si, dábame un pouco de medo porque ao principio ía ser unha historia moi sinxela dunha familia, pero parecíame que si a enfocaba soamente desde un punto de vista quedaba moi parcial, e quería transmitir a idea de como era a vida nunha vila. Está escrita desde tres puntos de vista e atravesa un século de historia, que foi uns dos motivos polos que levou o premio García Barros hai dous anos, e iso dábame un pouco de medo de cara a xente nova, porque é unha novela de catrocentas e pico páxinas, con idas e vidas no tempo e con tres puntos de vista que se mesturan, é bastante complexo pero aínda así chegou e estou encantada.